Marcelo Soria (BBVA Data & Analitics) acode a Santiago para amosar xeitos eficaces de xestionar a información

mércores, 17 de xuño do 2015 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de anunciar a convocatoria dunha conferencia-coloquio co vicepresidente de Servizos de Datos en BBVA Data & Analitics, Marcelo Soria. A cita, que se vai desenvolver o vindeiro martes 23 de xuño no Hotel AC Palacio do Carme en Santiago a partir das 11.30 horas, insírese no programa de actividades levadas a cabo polo Colexio para contribuír dende a nosa terra “á promoción e ao desenvolvemento das telecomunicacións e da Sociedade da Información”.
Na cita, que se vai celebrar en colaboración co Consello Territorial de AMETIC Galicia e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), contarase tamén coa presenza da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, que participará na xeira de apertura que dará paso ao relatorio de Marcelo Soria, a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: Datos? Que facer? Por que precisamente eu?. Trala sesión, os asistentes poderán intercambiar opinións persoalmente co relator, na rolda de preguntas que terá lugar posteriormente.
Lembrar que Marcelo Soria, enxeñeiro de Telecomunicación, traballou como investigador en tratamento de datos no fabricante tecnolóxico Nokia, en dúas novas empresas españolas do eido tecnolóxico e máis no departamento de innovación do BBVA. Arestora é consultor en innovación e en datos masivos, vicepresidente de Data Services e responsábel de New Data Products e Data Stories na división de análise de información da devandita entidade financeira. Tamén foi co-fundador de Databeers, un movemento que busca achegar o valor dos datos ao gran público mediante formatos informais, e co-creador de Festrip, unha empresa de nova creación que se adica a combinar a experiencia de viaxar cos festivais de música. Marcelo Soria é investidor e mentor noutras empresas de alicerce tecnolóxico.

PUBLICIDADE