Marcel Lozinski será o protagonista de Play-Doc 2011

xoves, 10 de marzo do 2011 Redacción

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que vai ter lugar en Tui do 30 de marzo ao 3 de abril, acolle na súa sétima edición a primeira retrospectiva que se realiza no noso país do director polaco Marcel Lozinski, quen xunto ao seu compatriota Krzysztof Kieslowski, foi un dos cineastas máis importantes da súa xeración.
Lozinski, que é membro da Academy of Motion Picture Arts and Sciences, institución que concede os Oscar, e da European Film Academy e profesor na FEMIS de Paris e na prestixiosa Escola de Dirección Andrzej Wajda de Varsovia, vai ofrecer unha clase maxistral aberta ao público e orientada a profesionais durante os días de celebración do festival.
Pola outra banda, o director de culto norteamericano Lech Kowalski, que xa visitou Play-Doc no 2008 para presentar a súa triloxía The Fabulous Art of Surviving, volve nesta ocasión para ofrecer a estrea en España do seu último traballo, The End of the World Begins with One Lie, no que deconstrúe e reinterpreta o clásico de 1948 de Robert Flaherty Louisiana Story para denunciar o verquido de petróleo da BP que tivo lugar en 2010 no Golfo de México.
Asemade, Lech Kowalski, cineasta underground e inconformista cuxa filmografía cobre trinta anos de marxinalidade e contracultura, presentará Camera War, un proxecto online e interactivo a modo de ’’guerrilla visual’’, co que a través dunha serie de capítulos independentes entre si fala da nova orde mundial e desafía á industria cinematográfica cunha nova forma de producir e ver películas. Con ambas propostas, Kowalski pretende fuxir da idea de consumismo que segundo afirma está estendida tamén ao cinema.

PUBLICIDADE