Mar Pereira require unha maior coordinación entre Goberno e Autonomías para asegurar a banda larga en zonas do rural

xoves, 8 de xullo do 2021 S. P.

Mar Pereira nunha sesión recente de comunicación telemática

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, interveu este 8 de xullo no Parlamento, onde fixo unha proclama a prol de xuntar forzas entre administracións para erradicar a fenda dixital que pode deixar fóra do avance das telecomunicacións a contornas do rural. En concreto, requiriu unha meirande coordinación entre as Comunidades Autónomas e o Estado para “evitar que áreas rurais fiquen fóra dos obxectivos de banda larga”.
Fixo estas declaracións no marco da Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego.
Nela, Mar Pereira defendeu o modelo de colaboración entre administracións para que “a transformación dixital non deixe de lado a unha parte do noso territorio e da nosa sociedade”.
Fondos comunitarios
Segundo dixo, os fondos comunitarios permitirán que o Goberno dedique una dotación orzamentaria de máis de 4.300 millóns de euros ao Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais para a Cohesión do que forma parte o Programa de Universalización das Infraestruturas Dixitais (UNICO) para o logro dos obxectivos establecidos pola UE.
“En 2025, toda a poboación comunitaria debería contar con cobertura de 100Mbps, e ademais deberán dotarse aos principais motores económicos de 1 Gbps e estender as novas redes 5G en vías de transporte e cidades”, manifestou.
Sobre a parte deses fondos que se deben asignar a actuacións en Galicia, Pereira lembrou que a Xunta trasladou ao Estado que, “para o logro dos obxectivos”, ten que ter en conta “a realidade galega”, que, segundo argumentou, “presenta unhas dificultades específicas derivadas da dispersión da poboación en núcleos moi pequenos”.
E engadiu: “Galicia ten o 40% dos núcleos de poboación de toda España, e o 90% deles conta cunha poboación de menos de 100 habitantes. A media de poboación por núcleo en Galicia é o máis baixo de España, con 89 habitantes, fronte aos 761 da media española”.
Tamén fixo saber que a proposta de colaboración da Xunta refírese ao logro dos obxectivos a través da execución dos fondos, pero tamén “da cooperación no seguimento dos compromisos de execución e calidade do servizo que deben cumprir os operadores de telecomunicacións beneficiarios de axudas públicas”.
Pereira interveu na Comisión parlamentaria para dar resposta a unha pregunta do grupo socialista sobre o control por parte da Xunta dos contratos de despregue de fibra óptica adxudicados ás operadoras nos concellos de Galicia é, concretamente, no de Gondoma.
Mar Pereira sinalou que “o contrato de subministro que Telefónica está a levar a cabo no concello de Gondomar forma parte do Programa de Extensión de Banda Ancha (PEBA) do Goberno central, e non do Plan 2020 da Xunta de Galicia”. Neste sentido, lembrou que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións é “o órgano encargado da subvención concedida a Telefónica neste caso e, polo tanto, é tamén responsábel do seguimento e control da actuación”.
Tamén fixo saber que nos despregues derivados dos plans da Xunta, “condicionados e limitados na actualidade pola necesidade de autorización por parte do Estado”, a axencia que dirixe “realiza un exhaustivo seguimento de control, tanto na fase de despregamento, como durante a explotación da rede”.
Durante a súa comparecencia, Mar Pereira recordou que “no primeiro Plan de Banda Larga, cando o Goberno galego puido dispoñer de máis de 100 millóns de euros, Galicia foi das primeiras rexións europeas en impulsar o fornecemento de redes de nova xeración”. Estas actuacións, segundo dixo, “permitiron reducir a 7 puntos o diferencial coa media estatal en redes de 100 Mbps en 2015”.

PUBLICIDADE