Mar Pereira pon en valor a Axenda Dixital de Galicia nun foro en Barcelona

martes, 23 de febreiro do 2016 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, sinalou esta mañá no VIII CIO Forum de Vodafone no marco do Mobile World Congress en Barcelona que é o momento de avanzar un paso máis na mellora do benestar dos cidadáns, potenciando o uso da tecnoloxía para ofrecerlles servizos que respondan mellor ás súas demandas e que se adianten ás novas tendencias económicas e sociais, salientando que Galicia aborda esta nova etapa tras seis anos de políticas TIC, a través da Axenda Dixital de Galicia, 2014.gal, que no período 2009-2014 mobilizou 1.275 millóns de euros, entre capital público e privado. Unha axenda, sinalou, que se desenvolveu nun momento de crise económica e que puxo de manifesto tanto o compromiso da Administración como a capacidade do sector tecnolóxico da Comunidade.
A directora a AMTEGA lembrou que hai seis anos o Goberno galego marcou un punto de inflexión na xestión da tecnoloxía, converténdoa nun elemento transversal da Administración, apostando por un modelo de xestión integral coa creación da AMTEGA e a consolidación dun único Centro de Proceso de Datos Integral.
Defendeu a súa aposta por un modelo de crecemento ligado á economía dixital que plasma na Axenda Dixital de Galicia 2020, presentada o pasado mes de xullo. Unha folla de ruta en materia tecnolóxica, resultado do esforzo conxunto de toda a Administración galega, así como dos axentes económicos e sociais e mesmo da propia cidadanía, que participou na súa elaboración.
A directora da AMTEGA indicou que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver xa 14 plans de actuación desta Axenda para consolidar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.

PUBLICIDADE