Mapalia.com estrea o primeiro mapa de delitos de España

luns, 15 de decembro do 2008 Raquel Noya

A empresa Mapalia Networks, con sede en Bilbao, vén de presentar “o primeiro mapa de delitos de toda España”, unha web que permite buscar os principais actos delictivos acontecidos en territorio español e xeolocalizados no punto aproximado no que ocorreron. Esta iniciativa ten como obxectivo, segundo afirmaron os seus responsables, crear un “mapa da delincuencia” no noso país, que axude a detectar cales son as zonas máis perigosas e conflitivas e cales as máis tranquilas.
A web recolle información procedente de fontes policiais e dos principais medios de comunicación e nela pódese navegar a través dun mapa no que se van “cargando” os principais delitos acaecidos en cada cidade española.
Segundo Ainara Tornell, a principal responsable do proxecto, “o interesante desta páxina reside na posibilidade de ver que tipos de delitos suceden en cada zona concreta, e poder escoller ben un hotel nunha cidade que non coñecemos ou mercar unha casa ou apartamento nun barrio que non frecuentamos”.
Asemade, os responsables de Mapalia, fan un fincapé especial no “funcional” que pode resultar a páxina para que os cidadáns coñezan de primeira man “cales son os problemas de seguridade que os rodean” (mal asunto, por outra banda, se teñen que saber deste xeito que roubaron nas súas casas) e para que poidan engadir aqueles delitos dos que teñan coñecemento (incluso se son eles mesmos os delincuentes).
Tornell asegura que a información “se actualiza e completa cada día” polo que o Mapa de Delitos “cambia constantemente”; este dato, lonxe de axudar aos usuarios a mercar vivenda, pode ser un atranco considerable pois non se poderán fiar del para saber se un barrio ou cidade é conflitivo sempre ou só por tempadas (segundo varíe o alcalde elixido) como no caso de Marbella, que leva anos no ollo do furacán, máis non se ve así no mapa.

PUBLICIDADE