Mañá celébrase a última sesión do encontro sobre eAdministración do CPEIG

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, será un dos encargados de pechar as xornadas

Onte comezaron na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC un ciclo de charlas sobre as claves da Administración electrónica, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que hoxe celebran a súa segunda xornada.
Na sesión de hoxe, que deu comezo ás 9:30 horas, interveñen Martín Gómez, xerente de Bahía Software, cun relatorio sobre Iniciativa Open Data e RISP e María José García Sexto, da AMTEGA, que falará sobre os usos e aplicacións do portal Open Data, posto a andar pola Xunta de Galicia.
Xa na segunda parte da sesión, intervén Víctor Salgado, avogado e socio de Pintos & Salgado, cun relatorio sobre as leis da transparencia e o dereito a saber; e Carlos Guardián Orta, de Autoritas Consulting, que versará a súa intervención na liberación de datos para o seu uso.
Na xornada de mañá, a terceira e última, os convidados para afondar no avance que permite a Administración electrónica ao abeiro dos progresos do mundo dixital, son Rafael Millán Calenti, profesor de dereito mercantil, que achegará a súa visión da contratación electrónica; Benito Carballo, xerente de proxectos de Altia, que se sumará á charla anterior cun relatorio sobre as plataformas de contratación electrónica; e Juan Alberto Ramos Cano, responsable de Contidos Dixitais de Telefónica, que achegará as claves e segredos do e-commerce, a nova canle de venda en liña.
Pecharán a xornada Amelia González Brandariz, segunda tenente alcalde do Concello de Santiago; Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC; Fernando Suárez, presidente do CPEIG e Manuel Botana Agra, catedrático de Dereito Mercantil e director do CEECOOP da USC.

PUBLICIDADE