Máis formación en novas tecnoloxías para poboación desempregada de Lugo
luns, 18 de xullo do 2011
A Deputación
de Lugo puxo en marcha en 2010 unha serie de actividades formativas, ao
abeiro do plan INLUDES, para facilitar a busca de traballo das persoas
desempregadas da provincia, actividades que se complementan cos servizos dun portal
para a busca de traballo. Estas accións, que veñen de recibir catro novas
incorporacións, están a beneficiar hoxe en día a máis de cincocentos alumnos,
achegándolles coñecementos teóricos e prácticos sobre eidos laborais onde a xuízo
da Deputación “hai realmente futuro”.
Entre estes eidos laborais, amais de sectores como o sociosanitario ou o
relacionado co medio ambiente, atópase o das novas tecnoloxías da información.
Estes son precisamente os eixes dos catro cursos novos acabados de inaugurar
e avaliados polo miúdo este luns pola vicepresidenta segunda da Deputación,
Lara méndez, durante a súa visita aos escenarios destas iniciativas de formación,
impartidas polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social. Nelas, por
certo, están a participar 60 desempregados da provincia. As accións abranguen 1.320
horas de docencia e están estreitamente relacionadas coas áreas sociosanitaria,
medio ambiente e novas tecnoloxías. Todas están xa a pleno rendemento, informou
Lara Méndez, e nalgúns casos, algunhas aproxímanse ás 500 horas.
Co obxectivo de favorecer a participación, tanto para a formación teórica
como práctica, os participantes reciben unha axuda máxima de 400 euros para
gastos de transporte, conciliación e inserción, “equivalente ó 75% da contía establecida polo IPREM”. Estas accións
súmanse ás xa postas en marcha ao abeiro do programa europeo Pacto
Provincial polo Emprego, a través do cal, o organismo provincial xa
está a formar a 576 desempregados nas profesións diagnosticadas previamente
como as de maior futuro en Lugo. Destes, 250 xa iniciaron as prácticas en
empresas.