Máis dun milleiro de persoas visitaron Galiciadixital en Pontevedra

luns, 27 de setembro do 2010 Redacción

Os aerodeslizadores <a href="http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar3210.html">foron uns dos contidos máis visitados da exposición</a> durante a pasada edición de Xuventude Galicia NetUn total de 1.075 persoas se achegaron dende o 14 de setembro ata o pasado martes á delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra para visitar a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital.
Na súa estancia na cidade a mostra contou con algúns dos seus contidos máis rechamantes, como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que os espectadores teñen a posibilidade de descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista aerodeslizador desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Galiciadixital permitiu tamén aos seus visitantes somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como As cidades do camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde os usuarios poden realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago, así como xogar co canciño Axóuxere ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades.
Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións Meta do Camiño. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela.
Por outra banda, os que se achegaron nestes días ás instalacións pontevedresas puideron gozar dos contidos máis novos e conmemorativos do 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), como unha exposición de paneis nos que se resume a historia do ente autonómico, unha exhibición de obxectos relacionados coa radio e a televisión ou un vídeo conmemorativo dos primeiros 25 anos do ente autonómico, no que se dan cita programas e personaxes emblemáticos da compañía.
Ademais, os interesados puideron converterse en presentadores dos informativos da Televisión de Galicia por un día grazas ao Plató Chroma Key, un espazo no que os visitantes se sitúan e aparecen reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.
Galiciadixital foi visitada, nas súas dúas dimensións de itinerante e permanente, por preto de 650.000 persoas dende a súa orixe, no ano 2000, o que a converte na segunda exposición máis visitada de Galicia. A exposición permanente, con sede no Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, superou no que vai de verán as 20.000 visitas, e a versión itinerante acolleu no que vai de ano a 17.110 persoas nas nove localidades galegas polas que pasou ata o momento.

PUBLICIDADE