Máis dun milleiro de persoas visitaron a exposición Galiciadixital en A Milagrosa (Lugo)

luns, 30 de novembro do 2009 Redacción

A exposición itinerante interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que acolleu a Residencia da Terceira a Milagrosa de Lugo dende o 24 de novembro, pechou onte as súas portas cun total de 1.137 visitas. A mostra viaxa agora ao Centro Sociocomunitario O Calvario, de Vigo, onde se poderá visitar do 9 ao 15 de decembro.
A través desta exposición, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas así como promover a interrelación entre mozos e maiores xa que varios colexios de Lugo visitaron a mostra na Residencia de Maiores A Milagrosa, como o CEIP Manuel Mallo Mallo, o IES A Piringalla, o CEIP Sagarado Corazón ou o Virxe da Soidade, entre outros.
Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmosfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que o envolven e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida nos eidos do audiovisual e o multimedia.

PUBLICIDADE