Máis dun cento de educadores e investigadores galego-portugueses participaron no congreso sobre fenda dixital

mércores, 28 de novembro do 2012 Redacción

Finalmente celebrouse os pasados 23 e 24 de novembro, en Póvoa de Varzim (norte de Portugal), o Congreso Ibérico A Fenda Dixital, unha iniciativa proposta para achar novas fórmulas para loitar, en colaboración galego-lusa, contra os múltiples atrancos que afastan a unha boa parte da nosa sociedade das vantaxes das novas tecnoloxías. A cita, que contou co pulo das tres universidades galegas e a Nova Escola Galega (NEG), entre outras entidades galego-portuguesas, serviu para identificar as moitas manifestacións da fenda dixital (rural-cidades, homes-mulleres, ricos-pobres, xuventude-terceira idade, etc), amais de para dar forma a vindeiras colaboracións transfronteirizas dirixidas a seguir combaténdoa. O congreso reuniu a máis dun cento de educadores, traballadores sociais e outros profesionais para falar das novas ferramentas ligadas á escola e ao desenvolvemento local.
En palabras de Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense,“foi un encontro moi proveitoso para todos os que nel participamos porque esta cita permítenos cada dous anos manter vivo o debate sobre a fenda dixital que aínda existe e que evidencia desigualdades tamén de xénero, de idade e de xeografía”. Xosé Manuel Cid e o resto de investigadores reunidos en Póvoa de Varzim achegaron exemplos concretos destas e outras fendas: de xénero (coa gran maioría das compras por Internet feitas por homes, entre outras moitas operacións e actividades en liña de sobrepresenza masculina), de xeografía (co noso rural a unha gran distancia, en uso das TIC, das vilas e cidades) e de idade (coas novas xeracións movéndose na Rede con extraordinaria soltura e amplas franxas de poboación de idade avanzada descoñecendo por completo os usos e vantaxes das redes, e moito menos das redes sociais).
Con todo, segundo informa a Universidade de Vigo, ao mesmo tempo que se apuntaron exemplos negativos fíxose fincapé en casos contrarios. Como por exemplo o caso do Concello de Manzaneda, que investiu todo o investimento recibido no Plan E en dotar de acceso ás novas tecnoloxías en todo o termo municipal. Esta experiencia foi amosada polo miúdo polo propio alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, no evento desenvolvido en Póboa de Varzim. Por certo que, segundo fai saber a Universidade, o dito concello ourensán será a sede, case con total probabilidade, da nova edición do congreso, prevista para dentro de dous anos.
O evento foi organizado polas tres universidades galegas, por Nova Escola Galega e universidades do norte de Portugal, concretamente a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e máis a Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti. A idea básica foi a de xuntar todos os esforzos posíbeis para promover, co apoio do Concello Póvoa de Varzim, “un encontro científico que reunirá a profesionais de Galicia e de Portugal que teñen moito que achegar no eido do uso das TIC para o desenvolvemento educativo e rural”.

PUBLICIDADE