Máis de trinta profesionais afondarán nos desafíos da eAdministración en Santiago

xoves, 16 de marzo do 2017 Redacción

O goberno dixital avanza e con el, cousas como transparencia, participación cidadá, tramitación electrónica ou eficiencia administrativa. Porén, é preciso avaliar os desafíos que implica esta transformación, tanto de cara ás propias institucións públicas e os seus traballadores, como no que atinxe á sociedade. Esta análise de retos e repercusións é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica. O evento, que se desenvolve baixo o epígrafe Un compromiso conxunto cara aos cidadáns, vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e Avogados de Comunidades Autónomas. Celébrase os días 23 e 24 de marzo o Edifico CINC da Cidade da Cultura.
En palabras das ditas entidades, “este foro busca analizar o impacto e os retos do novo marco normativo en materia de Administración Electrónica (leis 39/2015 e 40/2015) no funcionamento das Administracións Públicas”.
Co devandito obxectivo, está previsto convocar máis de 30 profesionais do ámbito tecnolóxico, xurídico e de distintos departamentos das administracións autonómica, estatal e local, afondando en temas tan salientábeis como as novidades normativas no eido da eAdministración, a cooperación administrativa para avanzar no proceso dixitalizador, as notificacións electrónicas, o arquivo electrónico ou a transparencia pública. Serán en total sete mesas de debate en dúas xornadas nas que tamén se analizarán as liñas de colaboración entre as distintas entidades para xuntar esforzos no pulo da Administración Electrónica.
Amais das mesas de debate, haberá un espazo de exposición para mostrar en detalle os servizos dixitais que teñen ao seu dispor os cidadáns (con stands de AMTEGA e das nosas deputacións onde os asistentes poderán inscribirse en diferentes servizos). Quen desexe participar neste encontro, que é de balde, deberá darse de alta nos portais da AMTEGA e de Eido Local, onde tamén está publicado o programa das xornadas. Estas están dirixidas a profesionais do sector público.
O Encontro enmárcase dentro das actuacións do Plan de Goberno Dixital 2020 que vén desenvolvendo a Xunta para consolidar a Administración Dixital.

PUBLICIDADE