Máis de cen profesionais galegos participaron no foro vigués sobre intelixencia competitiva

venres, 15 de febreiro do 2013 Redacción

Finalmente, a participación no Foro sobre Intelixencia Competitiva organizado no Centro de Excelencia de Vigo superou as expectativas da organización: foron máis de cen os representantes das PEME galegas os que acudiron a este encontro para obter recursos e metodoloxías de análise de mercado previo lanzamento dun produto ou dun servizo. Máis polo miúdo, tiveron a oportunidade de ver, in situ, as vantaxes que achega a fórmula da intelixencia competitiva nos negocios e ao servizo da innovación, entendéndose por aquela un xeito de desenvolver e tirar o máximo partido, rendíbel e único, das capacidades propias dos profesionais dunha empresa. Entre os relatores do foro atopábanse representantes das empresas galegas Marine Instruments, Vasco Galega e Galopín Parques, que compartiron cos asistentes os éxitos derivados da implantación de sistemas de vixilancia competitiva nos seus sectores.
A xornada, como dixemos, veu da man do Centro de Excelencia de Vigo, promovido pola Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo; e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria. O foro, nun plano máis concreto, contou coa presenza activa de Sergio Larreina, director de Intelixencia Competitiva de Pons Patentes e Marcas; Paula Igrexas, coordinadora da Unidade de Vixilancia Tecnolóxica do Centro Tecnolóxico AIMEN; e Pablo López, membro da Xunta Directiva da Asociación para a Promoción da Intelixencia Competitiva de Galicia. O seu cometido foi amosar, ante as máis de cen persoas reunidas, as vantaxes que ofrece a aplicación destes innovadores procesos á hora de tomar decisións empresariais, xa que permiten analizar e interpretar a información da que se dispón para convertela en coñecemento. O tres relatores coincidiron en salientar “que a presión competitiva global, o peso da innovación e a tecnoloxía, e os continuos cambios que se producen nos mercados provocan que o éxito ou o fracaso dun proxecto ou produto poida depender, en gran medida, do coñecemento previo que se dispoña da oferta do sector, dos clientes e da competencia; e salientaron na importancia de realizar un seguimento continuo destes factores, para actualizar esta información permanentemente”.
Como dixemos, ademais de avaliar e expor o significado da intelixencia competitiva, os asistentes puideron coñecer diferentes exemplos concretos de compañías galegas que aplican con éxito sistemas de vixilancia competitiva. Neste senso, Carlos Groba, responsable TIC de Marine Instruments, explicou como a integración no seo da firma deste sistema permitiulle coñecer as necesidades dos seus clientes e desenvolver produtos que respondesen ás mesmas; e insistiu en que a análise en profundidade dos factores que determinan o triunfo dun produto antes de sacalo ao mercado “pode minimizar os riscos e garantir a viabilidade dun proxecto”. Nicolás Troncoso, R&D manager de Vasco Galega, compartiu o sistema desenvolvido pola consignataria para coñecer o que están a facer as empresas máis competitivas dentro do seu sector. Apuntou que a vixilancia competitiva facilita a Vasco Galega coñecer os puntos fortes dos seus principais competidores e desenvolver proxectos que lles fagan competir, de igual a igual, nun mercado global.
Por último, Pablo Buyo, responsable de produción de Galopín Parques, relatou como o sistema de vixilancia competitiva fíxolles diferenciarse da competencia chegando a deseñar produtos máis atractivos empregando materiais e sistemas que se utilizan con éxito noutros sectores industriais.

PUBLICIDADE