Máis de 90 empresas participarán na edición máis internacional da feira Pont-Up Store

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

Este 20 de setembro presentouse o programa da décima edición do Pont-Up Store, que concentrará a maior parte da súa actividade nas rúas e espazos de Pontevedra os días 29 e 30 de setembro. Haberá máis de 30 actividades concentradas en dous días. Porase o foco na internacionalización, na mercadotecnia sensorial e no emprendemento musical.
Na cita participaron a responsábel de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; a vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVigo, Eva Lantarón; o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra; Rafael Domínguez; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, que destacou “a traxectoria destes dez anos de apoio ao emprendemento grazas á iniciativa da Universidade, ao apoio de moitas entidades públicas e privadas que se foron sumando ao encontro, e ao voluntariado que fai posíbel boa parte da loxística do evento”.
En total, a carpa situada na praza de España vai acoller a 32 startups galegas, das que un 75% están lideradas por mulleres. En canto a distribución xeográfica, un 60% proceden da provincia de Pontevedra e o resto repártense entre as provincias de Lugo e A Coruña. Sobre os ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas, e mesmo hai varias propostas nas que o “corazón do negocio susténtase na responsabilidade social e ambiental”, segundo explicaron os participantes na presentación, salientando tamén a presenza nesta edición de consultorías, enxeñarías, iniciativas de coidado persoal, propostas educativas, de téxtil, de complementos, de decoración, de turismo e do sector da alimentación. Nesta edición a organización da feira Pont-Up recibiu un total de 127 candidaturas, o que significa 4 solicitudes por cada praza dispoñible. O encontro aínda dará cabida a outras 20 iniciativas empresariais que se presentarán dentro dos stands institucionais que tamén teñen o seu espazo na carpa.
Pont-Up Exprés
A iniciativa Pont-Up Exprés facilitará novamente o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun formato dinámico e áxil, a través de pitchs ou presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas ouvintes darán un feedback e farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Como cada ano, o talent show permitirá a 8 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado Prieto, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares Vence, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez Calabria, responsábel de deseño en FINSA; e Ana Olveira Blanco, socia de Abeluria S. Coop Galega e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop. As empresas seleccionadas nesta edición son a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special, onde as viaxes, as motos e o surf son a base da inspiración; o espazo infantil Donde viven los cuentos, Soc. Coop. Gal. para nenas e nenos de 0 a 9 anos con actividades para toda a familia; o proxecto Landratech que pon en valor o aproveitamento das landras ou belotas para consumo humano a través de produtos como fariñas, café e té fabricados a partir de landras; a empresa de desenvolvemento de software Lareira Digital, focalizada no software aberto e libre así como noutras áreas de desenvolvemento coma hardware, IoT, videoxogos, etc; a innovadora proposta de Luxsit que crea espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sustentábeis como alternativa aos fogos de artificio; os produtos de madeira creados por Néboa na ría para un estilo de vida sinxelo e pausado; as creacións de Tombo bags, onde deseñan e confeccionan bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas, e a marca de doces artesáns gourmet elaborados en Galicia, Perusiñas.
En anteriores edicións, o Pont-Up Exprés serviu para iniciar colaboracións empresariais tanto no ámbito público como no privado e, sobre todo, axudou ás equipas de cada empredemento participante a pulir e mellorar as súas ideas de negocio e á conversión do seus produtos e servizos.
As actividades desta décima edición arrancaron en realidade o pasado día 15 co evento da Comunidade WordPress de Pontevedra que celebrou un novo WordPress en Acción, para ensinar a persoas sen coñecementos a crear páxinas webs con WordPress.
O mércores inaugurarase a exposición 10 anos apoiando ao emprendemento que mostrará nas rúas de Pontevedra un resumo das distintas edicións do Pont-Up Store e das súas achegas ao ecosistema emprendedor na última década, incluíndo a evolución tanto da súa imaxe gráfica como as innovacións incorporadas ano tras ano para atender novos ámbitos do emprendemento. A mostra, conceptualizada por Galpón Lab e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, estará instalada nas rúas da cidade, desde a praza de España ata a Casa das Campás pasando polo lateral do Concello, desde o mércores 27 ao sábado 30.
Dentro das actividades previas, está previsto tamén o inicio do Hackaton HEI4FUTURE o mércores 27 pola tarde que estenderá a súa programación ata o venres. A actividade desenvolverase na aula do Teatro Principal de Pontevedra e estará centrada no desenvolvemento de prototipos para desafíos empresariais relacionados con saúde, deporte, medicina e tecnoloxía, baixo a dirección de Diego Parajó, da empresa Xeneme, O venres, ao remate da actividade celebrarase unha mesa redonda para presentar os resultados do proxecto e falar de historias de emprendemento.
Programa para venres e sábado
Dentro do ámbito da internacionalización, o venres de 12:15 a 13:05 a entidade Ticket2Europe en colaboración co IES Valle Inclán e Abanca presentarán unha sesión sobre o emprendemento social a través de métodos de educación non formal. Na sesión, que estará moderada por Ana del Valle, participará alumnado do IES Valle Inclán e responsábeis de emprendementos internacionais que forman parte do proxecto Pont-Up: Social Entrepreneurship, co-financiado polo programa europeo Erasmus+. E o sábado, entre as 10:45 e as 11:45, na Casa das Campás, Ticket2Europe propón unha nova sesión na que se presentará o programa europeo Erasmus for Young Entrepeneurs (Erasmus para emprendedores novos), na que Belén Mendoza, responsábel deste proxecto europeo na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, explicará as claves para formar parte da experiencia.
Nesta edición a feira Pont-Up volverá dar espazo ás últimas tendencias da mercadotecnia sensorial, a través dunha colaboración coa empresa viguesa de marketing olfactivo e aromatización Alpematic Experiencias Olfativas, que recuperará e actualizará o odotipo creado en 2019 para o Pont-Up Store. Pola súa parte, os músicos Suso Vaamonde e Abrahán Sande Couso estiveron traballando na creación dunha peza musical que a partir de agora será a banda sonora do Pont-Up Store, e que será interpretada por Gonzalo Maceira e a equipa de Estudo Bonobo.
Dez anos apoiando o talento emprendedor
A feira Pont-Up Store xurdiu no 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento (CIEM) que se celebrou en Pontevedra no mes de outubro, e que partía dunha iniciativa da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra) e do Grupo de investigación G4 PLUS de Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios no marco do Campus CREA da Universidade de Vigo. Concibiuse xa dende o principio como un evento multisectorial, aberto a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade.
Ao longo das 9 edicións celebradas creceu e evolucionou ata converterse no punto de referencia do novo emprendemento no noso territorio, grazas á colaboración e o patrocinio de entidades como a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal; a Universidade de Vigo como impulsora do evento coa colaboración do seu Consello Social; e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Zona Franca de Vigo, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais.
Como resultado desa colaboración e das redes tecidas entre a comunidade emprendedora que foi participando nas distintas edicións, no ano 2022 creouse a Asociación Pont-Up Store, que xa agrupa a máis de 200 empresas e que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas nove edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

PUBLICIDADE