Máis de 800 familias e empresas compostelás benefícianse do Plan ÚNICO de banda larga

mércores, 23 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Gobierno, Pedro Blanco, mantivo onte un encontro de traballo coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no que destacou os máis de 200 millóns de euros que inviste o Goberno na cidade e que están a permitir desbloquear “actuacións clave na capital galega que levaban moito tempo paradas”, como as ligazóns Orbital e Orbitaliño, cun investimento conxunto que supera os 50 millóns de euros; a estación Intermodal, con 30 millóns, ou a depuradora da Silvouta, que o Goberno financia con 40 millóns de euros. Tamén puxo o foco no acadado polo Plan ÚNICO para dotar de banda larga os núcleos e barrios que non contaban con esta tecnoloxía.
Nun plano máis detallado, Blanco lembrou que en Santiago mobilizáronse axudas do Ministerio de Política Territorial á dixitalización da Administración Local e investimentos do Ministerio de Asuntos Económicos a través do Programa ÚNICO de banda larga, do que se benefician máis de 800 familias e empresas compostelás. Tamén salientou o importante traballo de dixitalización empresarial impulsado a través do Kit Dixital.

PUBLICIDADE