Máis de 56.000 familias de 13 concellos da Mariña accederon a Internet de alta velocidade desde 2018 grazas a Adamo

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

A operadora Adamo fixo balance dos seus traballos despregados na Mariña de Lugo para dotar a empresas e domicilios dos núcleos rurais de Internet de alta velocidade, traballos de enxeñaria despregados dende 2018 e que, en palabras da compañía, supuxeron “un fito no desenvolvemento recente das comunicacións na provincia de Lugo”. Segundo fixo saber no seu balance, un total de 56.137 familias da Mariña accederon a fibra óptica ao longo dos últimos cinco anos. Os seus fogares atópanse en 13 dos 16 concellos que conforman a comarca, quedando, por tanto, só tres deles pendentes de instalación.
Faltan Ourol, Trabada e O Vicedo
En concreto, os 13 concellos contan xa co servizo de telefonía, da internet ultrarrápida de ata 1.000 Mbps e de TV á carta proporcionado por Adamo son Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Riotorto, O Valadouro, Xove e Viveiro. Desta maneira, Ourol, Trabada e O Vicedo están á espera de estrear a infraestrutura, o cal producirase, “de maneira progresiva, entre finais deste ano e principios de 2024”, segundo as previsións da operadora.
Loita contra o despoboamento
A compañía lembra no seu balance que “este avance nas telecomunicacións da Mariña impulsado por Adamo é un elemento clave para facer fronte ao despoboamento”. É dicir, a fibra óptica supón “un freo á marcha dos mozos que se rexistra desde hai anos en numerosos pobos galegos”, sinala a operadora, engadindo que a conexión a Internet de alta velocidade (os citados ata 1.000 Mb que fornece Adamo) permite realizar con garantías actividades hoxe habituais, como por exemplo o traballo a distancia, a educación en liña, as compras por Internet, as citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras.
Co obxectivo precisamente de dotar de conexión de calidade aos sitios máis apartados, Adamo dispón dunha ferramenta específica: Ola, veciño! Trátase dun formulario que se pode encher na web da empresa que permite á compañía avisar ás persoas interesadas en canto a fibra chegue aos seus fogares.
Cabe lembrar que a comarca forma parte de todo un plan de expansión da compañía, que acumula máis de 87.000 vivendas cableadas en 36 concellos lucenses desde 2018. Para sufragar tal actuacións, Adamo investiu 20 millóns de euros e contratou a 300 traballadores locais en enxeñería, despregadura, mantemento e comercialización.

PUBLICIDADE