Máis de 50 firmas biotech participaron nas citas rápidas online impulsadas por Bioga e GAIN

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) celebrou este 17 de xuño a novena edición da súa Inter BioSpeed Dating 2021, unha fórmula de encontros innovadora non só polas temáticas a tratar (a frutífera confluencia entre ámbito bio e o eido TIC), senón polo formato elixido: citas rápidas de poucos minutos para crear os alicerces dunha sólida relación futura entre axentes e representantes do sector biotech, coma se dun encontro para atopar parella se tratase. Participaron medio cento de empresas. O obxectivo, crear un ambiente propicio para que saltase “a faísca do amor empresarial” e se crease a base dun proxecto en común, foi plenamente conseguido, segundo a organización.
A fórmula elixida
Bioga foi pioneira neste tipo de encontros en Galicia. Tomou o modelo fai nove anos e trasladouno ao mundo das biotech: organizar citas rápidas con diferentes candidatos ata que aparece a/o pretendente ideal. As empresas biotecnolóxicas poden elixir mesmo máis dun “noivo” ou “noiva” para desenvolver algún negocio.
Ao evento IX Inter BioSpeed Dating 2021, celebrada en formato online ao 100%, acudiron 54 empresas, entidades e axentes do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, Asturias, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castela e León, Aragón, Madrid e doutros países, como, por exemplo, Portugal.
Bioga, co respaldo da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ampliou xa o pasado ano o radio de acción deste networking que fomenta a xeración de relacións profesionais.
O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, que preside Carme Pampín, preocupouse de facer un seguimento para coñecer se esta iniciativa resultaba de utilidade. Na enquisa, arredor do 25% das empresas que tomaron parte nestas citas rápidas lograron acordos para pór en marcha unha alianza ou consorcio empresarial ou iniciaron unha relación cliente-provedor.
Desde os inicios celebráronse máis de 1.000 encontros entre máis de 250 participantes.
O Clúster contou coa colaboración de Biocrew Healthcare, Cluster SIVI, Arahealth e Bioval.
O BioSpeed Dating de 2020 foi por primeira vez virtual por mor da pandemia da COVID-19 e segundo informa Bioga, “as circunstancias deste ano tamén aconsellaron a versión online”. Estaá pendente de saberse cal será a fórmula máis axeitada para o ano vindeiro.
O evento comezou este xoves ás 10.00 horas coa inauguración, a cargo de Bioga e a Axencia Galega de Innovación. As reunións one to one, a esencia do encontro, desenvolvéronse entre as 10.30 e as 14.00 horas.

PUBLICIDADE