Máis de 40 profesionais acuden ao seminario de axudas europeas á innovación celebrado en Vigo

venres, 19 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Consorcio da Zona Franca de Vigo convocou este xoves 18 aos empresarios e profesionais da contorna, interesados en botar man de apoios á innovación, para informalos en detalle das oportunidades de acceso ao financiamento europeo actual para a Investigación e o Desenvolvemento (I+D). Na cita participaron máis de 40 persoas, procedentes dos máis diversos sectores produtivos (non só das novas tecnoloxías e as telecomunicacións), aos que se lles puxo ao tanto sobre o Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea, que achega neste intre, a través de diferentes iniciativas, máis de 8.000 millóns de euros en financiamento. Ao encontro tamén acudiron Teresa Pedrosa, delegada da Zona Franca, e máis os responsábeis do portal 2020horizon, xestionado pola empresa Econet.
No transcurso do seminario presentáronse diferentes ferramentas de procura e máis os servizos de información de balde que fornece o devandito portal para acudirmos con éxito á maior cantidade de convocatorias de axudas. De feito, 2020horizon é o primeiro portal en español que abrangue tódolos apoios que a UE destina ás súas políticas de promoción da innovación. Logo da presentación do portal e das súas liñas estratéxicas, deuse paso á quenda de consultas por parte dos representantes particulares do sectores aos técnicos de Econet. Entre outras cousas, fíxoselles saber que en 2020horizon calquera usuario pode obter a información precisa para configurar proxectos de I+D en colaboración grazas á posibilidade de identificar as prioridades temáticas das convocatorias vixentes, onde mellor encaixen as súas iniciativas e socios potenciais. Ademais, o portal tamén permite atopar referencias a proxectos aprobados previamente co obxectivo de facer unha análise comparativa e poder salientar aspectos innovadores.

PUBLICIDADE