Máis de 40 colectivos chaman á mobilización contra a desfeita na costa en Redelitoralvivo.info

luns, 30 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A Rede (non pararemos de insistir neste tema e, tamén, nesta teima) é un amplificador inmellorable para actividades de denuncia. En Galiza, non hai que ser un lince, hai motivos de abondo polos que mobilizarse, tanto cun altofalante na rúa como na Rede enviando correos de protesta a onde sexa preciso. Nesta liña está Redelitoralvivo.info (Colectivos cidadáns pola sustentabilidade no litoral), unha proposta web dende a que se están a xestionar unha boa parte das accións de denuncia contra a especulación urbanística e inmobiliaria na costa, a presión das industrias en espazos protexidos e, tamén, a alteración definitiva da nosa paisaxe en nome do “privilexio” dunha segunda ou terceira vivenda.
A páxina está especialmente activa estes días, coa práctica totalidade das asociacións ecoloxistas (máis de corenta) da nosa terra manténdoa activa e convocando á comunidade internauta galega á manifestación do día 6 de maio nas rúas de Santiago.
O motivo: poñer de relevo o “grave estado de deterioro e de crecente degradación en que se atopa todo o territorio galego, un acelerado proceso de espolio e destrución que afecta tanto á costa como ao interior”, sinalan os ditos colectivos no manifesto que poderemos ver en Redelitoralvivo.info. Emporiso, esixen (entre outras medidas) que se faga cumprir a lexislación vixente e que se deseñe unha nova Lei de Ordenación do Territorio. Na devandita web tamén se anima á comunidade internauta galega a participar na mobilización do 6 de maio e, asemade, a tirar partido das posibilidades de comunicación da Rede para informar da iniciativa de denuncia alí até onde sexa posible. Na imaxe, un exemplo claro de presión descontrolada na costa galega, visto na web sospontedeume.com (Colectivo Fusquenlla, un dos convocantes da xornada do 6).

PUBLICIDADE