Máis de 30 pemes galegas participan nunha xornada da Cámara pontevedresa e Amazon

martes, 14 de novembro do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía (PVV), Cámara de España e Amazon organizaron este martes 14 de novembro un evento formativo, España a un Clic: Impulsando a dixitalización das pemes españolas, para potenciar a venda en liña entre as pequenas e medianas empresas de Galicia.
Máis de 30 firmas galegas asistiron este martes 14 a esta formación gratuíta, enmarcada no programa Despega de Amazon, que está enfocado en axudar aos emprendedores e pequenos empresarios a dar o salto á venda por Internet e impulsar as súas vendas a través de distintas canles online. Pola parte institucional, asistiron o presidente da Cámara PVV, José García Costas, e o xerente do ente cameral, Víctor Varela Caride; a concelleira de Emprego e Igualdade do Concello de Vigo, Ana Laura Iglesias; o secretario territorial da Xunta en Vigo, Fernando González Abeijón; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e o xerente da Cámara, entre outros representantes.
Segundo lembraron os presentes, na actualidade máis de 600 pemes galegas están presentes na tenda de Amazon e máis do 55% delas exportan. En concreto, superaron en 2022 a cifra dos 30 millóns de euros en exportacións. “De feito, Galicia atópase entre as 10 comunidades autónomas con máis pemes vendendo en Amazon”, engadiron.
Con estas xornadas o que se busca é “favorecer o crecemento das pemes da nosa terra, axudándoas na súa dixitalización co fin de incrementar as súas exportacións, a súa produtividade e a súa competitividade”. Ademais de potenciar a dixitalización e o uso das canles en liña entre as pemes, esta formación permite dar visibilidade a empresas locais que se dixitalizaron con éxito.
Distribución
Na xornada explicouse que as 15.000 pemes españolas que venden xa en Amazon están repartidas por todo o territorio nacional. De feito, máis do 60% destas empresas teñen a súa sede en provincias de España que non son nin Madrid nin Barcelona. E máis do 15% destas pequenas e medianas empresas están localizadas en municipios de menos de 10 000 habitantes. Ao redor do 30% están en municipios de menos de 30 000 habitantes, contribuíndo a xerar novas oportunidades e promovendo o desenvolvemento económico e social destas comunidades.
Benvida
Neste evento de formación, José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, deu a benvida ao acto e destacou que o gran desafío, o acceso a un mercado internacional de millóns de consumidores, a día de hoxe, pasa por Amazon. “E hoxe, a través desta xornada, demostrouse ao tecido comercial e ás pemes e micropemes de diversos sectores que vender en Amazon non é un reto imposíbel”, engadiu.
Así mesmo, García Costas incidiu no gran potencial das empresas da demarcación da Cámara, e galegas en xeral, con “un gran campo de xogo aínda por conquistar na canle dixital, e debemos ver nel unha oportunidade de crecemento. Os empresarios e empresarias somos, ante todo, emprendedores e aspiramos ao máximo crecemento das nosas empresas. Por eso, hoxe anímovos a emprender e seguir medrando no gran mercado dixital”.
Casos de éxito: Nenel, Acemelia e Jandei
A xornada de formación do 14 de novembro comezou con dúas sesións formativas sobre como empezar a vender online e como reforzar a marca dixital a través das ferramentas que pode ofrecer Amazon, seguida dunha mesa redonda na que empresas da nosa Comunidade como Nenel, Acemelia e Jandei compartiron a súa experiencia e éxito vendendo a través da Rede.
En concreto, Nenel é unha peme familiar viguesa que confecciona, de forma artesanal e tradicional, téxtiles e complementos para bebés. Con case unha vintena de empregados, venden os seus produtos feitos en España por toda Europa: “Amazon é un gran escaparate para as pemes e axudounos a internacionalizar o noso negocio. Agora vendemos en países como Francia e Alemaña”, destacou Ainara Costas, xerente de Conta Amazon de Nenel.
Mentres, Acemelia é unha peme situada en Vigo que fabrica e vende produtos cosméticos (produtos de beleza como cremas, champús e bálsamos) feitos con aceite de camelia BIO de Galicia. “O comercio electrónico deunos moita visibilidade e permitiunos vender tanto en España como noutros países. Medramos un 30% todos os anos”, explicou Pablo Mansilla, fundador de Acemelia.
E Jandei é unha peme familiar fincada na Coruña que vende iluminación LED. Javier Núñez, responsábel da área de Marketplace de Jandei, explicou que apostaron pola venda en liña en Amazon en 2014 e que, desde entón, non deixaron de medrar: “O comercio electrónico axudounos a incrementar as nosas vendas e a vender fóra. O 50% do que vendemos son exportacións”, remarcou.
Para pechar esta formación, os asistentes tamén puideron gozar dunha exposición de produtos destas empresas locais que forman parte de España a un Clic, unha tenda dentro de Amazon.es que conta cunha ampla escolma de produtos vendidos por pequenas e medianas empresas nacionais de todas as comunidades de España. Estes foros e encontros, ademais, continuarán durante o vindeiro ano en cidades como Málaga, coa colaboración da correspondente cámara de comercio territorial, onda Amazon.

PUBLICIDADE