Máis de 30 investigadores do CITIC participaron na segunda sesión dos Almorzos TIC Talk

xoves, 28 de abril do 2022 S. P.

Máis de 30 investigadores/as do CITIC xuntáronse esta semana na segunda sesión dos Almorzos TIC Talk, ciclo de reunións informais dirixidas a membros do centro da UDC que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira investigadora. O encontro celebrouse este martes 26 de abril na sala cloud do edificio, con dous novos relatores que compartiron as súas liñas de investigación.
Así, Olga Zamaraeva ofreceu a charla Grammars and gramar engineering in computational linguistics e Martiño Rivera, pola súa banda, falou sobre Ciberseguridade: Mecanismos de autenticación avanzados.
Olga Zamaraeva, que se incorporou recentemente ao CITIC grazas a unha bolsa posdoutoral Marie Skłodowska-Curie, explicou o seu traballo no ámbito da enxeñería gramatical para testeo de hipóteses lingüísticas. Actualmente, está a centrar o seu labor investigador na análise da linguaxe natural co fin de mellorar a rapidez dos algoritmos.
Pola súa banda, Martiño Rivera expuxo algúns dos problemas relacionados cos contrasinais, na área da ciberseguridade, e achegou un novo método de autenticación no que se atopa traballando: a autenticación baseada en clave pública con WebAuthN e FIDO, unha clave física que pretende reducir a dependencia dos contrasinais na seguridade informática.
Os Almorzos TIC Talk son unha iniciativa da comisión de formación do CITIC. Cunha periodicidade mensual, teñen o fin de potenciar a transversalidade e promover posíbeis colaboracións entre o persoal investigador do centro.

Martiño Rivera expuxo algúns dos problemas relacionados cos contrasinais

PUBLICIDADE