Máis de 2.100 persoas pasaron este ano pola aula CeMIT de Boiro

venres, 27 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A aula CeMIT de Boiro, o espazo de alfabetización dixital ao servizo da veciñanza do concello, vén de encarar esta recta final de ano facendo balance dos fitos acadados ao longo deste ano. Segundo se fixo saber dende este centro de formación, emprazado no primeiro andar do Centro Social (na rúa principal de Boiro), este ano que estamos a piques de deixar atrás organizáronse 79 cursos sobre as diferentes vertentes da sociedade dixital (usos e vantaxes dos móbiles, como tirar proveito do comercio electrónico, como facer trámites en liña, como navegar, as principais ferramentas de ofimática, etc).
A maiores, a aula CeMIT de Boiro (impulsada polo Concello e a axencia autonómica AMTEGA) acadou en 2019 as seguintes cifras destacadas: 1.400 horas de formación, 863 participantes nos diferentes obradoiros, a incorporación ás actividades de 174 novas e novos usuarios e, en total, conseguiuse que pasasen pola aula 2.113 persoas.

PUBLICIDADE