Máis de 150 empresas de Touro lánzase á Rede para vender os seus produtos

venres, 3 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se a Rede vai chegando, aínda que máis de vagar do desexado, haberá que asumilo. Isto que vale para comunicarnos e recibir información, tamén vale para todo o relacionado coas nosas actividades cotiás, incluídas a procura de artigos de toda índole para mercar. Dito doutra maneira: a Internet ten potencial mesmo para enriquecer a bolsa da compra, axudándonos a botar man de produtos que doutro xeito non teríamos ao noso alcance e permitindo que aforremos tempo, esforzos e desprazamentos. Esta idea, a de aproveitar a Rede para ampliar mercado, é a que fai posible Tourocomercial.com, unha plataforma de promoción e venda para máis de 150 establecementos do concello de Touro. A web, da que dá conta El Correo Gallego, foi posta en marcha os días pasados, e nela podemos atopar todo tipo de información sobre os servizos e produtos achegados por cada un dos locais que a integran, que por certo dispoñen de cadanseu microsite ao abeiro do portal.
A plataforma, que se ofrece en castelán (agardamos a que axiña se solucione esta eiva e se inclúa versión en galego), foi desenvolvida pola empresa Ofilance.
No labor de darlle corpo á web, Ofilance botou man de todo tipo de contidos multimedia ao servizo da promoción comercial, incluídos vídeos, datos de contacto e xeolocalización dos establecementos de Touro a través de Google Maps, fundamental se temos en conta o espallamento xeográfico dos negocios.
Amais de todo isto, a iniciativa ten presenza en redes sociais como Facebook, Twitter ou Flickr, onde se ofrecen ligazóns, contactos, novas, cursos, información e fotografías das empresas implicadas. A iniciativa será de balde durante un ano para os locais que decidan formar parte dela (pois conta con apoios de investimento do Concello) e logo serán os propios integrantes da plataforma os que asuman o seu mantemento.

PUBLICIDADE