Máis de 100 persoas participaron na xornada sobre economía intelixente e sustentable celebrada en Santiago

venres, 27 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O pasado 24 de xullo celebrouse en Santiago, na sede de FEUGA, unha xornada dirixida a amosar as novas tendencias que a tecnoloxía ten de corrixir erros pasados, nuns tempos nos que non se cubrían de abondo cuestións como o respecto ao medio, a eficacia, a rendibilidade ou a optimización de recursos. A xuntanza, dirixida tamén a fomentar a colaboración galega arredor desta tecnoloxía máis intelixente, veu da man da Plataforma Tecnolóxica Galega de Medioambiente (ENVITE), da Plataforma Galega de Loxística (LOXISCA) e da Plataforma Tecnolóxica das TIC (VINDEIRA), e celebrouse baixo o epígrafe A eco-nomía intelixente: smart and green economy. En virtude desta tripla participación, cubríronse tres piares fundamentais para a nosa economía presente e futura: a loxística, o medio ambiente e as novas tecnoloxías da información.
Durante o transcurso deste encontro de balde, organizado e promovido entre as tres plataformas devanditas, expuxéronse os diversos programas de financiamento do CDTI para proxectos de investigación próximos á materialización no mercado, amais de programas europeos para iniciativas tecnolóxico-dixitais con aplicacións no medio ambiente, na busca de enerxías limpas, alternativas e rendíbeis, e máis na mobilidade.
Á xornada acudiron máis de 100 persoas, entre membros das devanditas plataformas e asistentes procedentes de outros sectores con interese en afondar na filosofía da Smart and Green Economy, como son os sectores da construción ou das administracións públicas, é o caso dos concellos, que tamén tiveron representación na xornada, amais de membros de diversas entidades locais.
A xornada tamén acolleu a presentación dunha serie de casos prácticos nesta aposta pola innovación e polas tecnoloxías de menor consumo. Foi o caso do Proxecto Smartcity (posto en marcha por Endesa en cidades como Málaga, Barcelona ou Búzios en Brasil co obxectivo de favorecer a automatización e telexestión das redes, amais de promover a sustentabilidade e a eliminación de barreiras), o Proxecto SUM no que participa o Concello de Vigo (para impulsar políticas locais e rexionais en relación á mobilidade urbana sustentable) ou os servizos urbanos intelixentes de Ferrovial (para favorecer un equilibrio óptimo entre aforro económico, servizos de calidade e investimento a longo prazo).
Na xornada tamén deron a coñecer as súas liñas de traballo os centros CITIC, CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), EnergyLab e Gradiant.
Tamén participaron as empresas galegas Imatia e Teimas, achegando a súa oferta tecnolóxica no eido da economía intelixente.

PUBLICIDADE