Máis de 1.000 familias de Cospeito estrearán fibra óptica da man de Adamo

venres, 7 de outubro do 2022 S. P.

A operadora Adamo anunciou detalles sobre os traballos que vai realizar en Cospeito, concello lucense onde a compañía vai equipar a máis de 1.000 familias con fibra óptica avanzada (tecnoloxía FTTH) e Internet de alta velocidade. Isto será posíbel grazas á despregadura que está a realizar a operadora no municipio da Terra Chá, estando previsto conectar as primeiras vivendas nos próximos días, ao longo do mes de outubro.
Ao abeiro dun “proceso que completará de maneira progresiva”, a compañía ten programado chegar a máis de 80 núcleos de poboación do concello lucense. “Isto”, explicou David Llano, responsábel de Adamo en Galicia, “dá unha idea do elevado grao de diseminación das vivendas, coa dificultade técnica e o esforzo material e humano que iso supón para os técnicos da operadora”.
Reunión co alcalde
Estes obxectivos foron comunicados por representantes de Adamo tanto a distintas autoridades das parroquias de Cospeito como ao propio alcalde, Armando Castosa, que mostrou o seu compromiso coas posibilidades que abre a fibra óptica e achegou a súa colaboración activa coa concesión e coa xestión dos permisos relativos ás súas infraestruturas.“É importante poñer en valor esta conexión a Internet para o municipio, o que representa para os veciños: mellora a calidade de vida, iguala os servizos nunha zona rural cos que reciben na cidade e axuda a fixar a poboación. ”, explicou o rexedor, “agradecido e satisfeito cos traballos de Adamo”.
O alcalde salientou tamén que a fibra óptica “é unha ferramenta útil na loita contra o fenómeno do despoboamento, un mal que afecta a numerosos pobos de Galicia”.
A tecnoloxía despregada permitirá aos fogares e empresas de Cospeito gozar plenamente dos seguintes servizos. teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas, gozar de videoxogos, series e películas en remoto, etc.
Segundo lembrou a compañía, a súa fibra óptica é a día de hoxe “a máis rápida no mercado, con 1.000 Mbps”.

PUBLICIDADE