Máis da metade dos mozos internautas acceden á Rede dende o móbil

mércores, 9 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O 6º Observatorio de Tendencias, elaborado pola consultora de investigación social e de mercado Conecta para saber máis sobre a relación que teñen os mozos e mozas coa tecnoloxía actualmente, vén de confirmar o que máis ou menos xa todos sospeitabamos: “o acceso a Internet a través do móbil entre este colectivo está en auxe”.
Grazas a este estudo podemos comprobar que as tecnoloxías da información e, en especial, o móbil, ocupan un papel moi importante no día a día dos mozos e mozas e ofrecen pautas claves no seu xeito de relacionarse.
A Rede, o ordenador e o móbil son as tecnoloxías que máis inflúen na vida cotiá das novas xeracións, e o uso intensivo da web 2.0, así como o acceso dende o móbil, “condiciona a súa socialización e contribúe á creación dunha identidade fluída, optimista, inqueda, ávida de estímulos, baseada no visual e con amplas posibilidades de xestión”, segundo apuntan os autores do estudo.
O estudo achega datos que confirman que, por primeira vez, máis da metade dos mozos e mozas españois xa acceden a Internet a través do móbil, algo que xa se vía vir polos datos achegados nas anteriores oleadas.
A última investigación realizada indica que “o 53 por cento dos mozos e mozas accede á Rede co móbil, o que supón un crecemento do 36 por cento nos últimos 6 meses, e dun 77 por cento respecto ao ano pasado”.
Entre as actividades que se realizan a través destas conexións virtuais co móbil, destaca a descarga de aplicacións, o uso da mensaxería instantánea e a lectura de prensa, que ao mesmo tempo son as que máis medraron durantes estes 6 meses.
Cabe destacar, por último, que as redes sociais seguen a ser as protagonistas da vida online dos máis mozos en España e as cifras acadadas así o confirman: as redes sociais acadan xa unha penetración do 90 por cento, “convertíndose nunha actividade omnipresente na súa vida cotiá”.
Asemade, xa non se accede ás mesmas a través do ordenador senón que o 42 por cento faino a través do móbil, sendo a actividade máis usual no tempo de ocio dos mozos e mozas de todo o país; o 93 por cento das persoas que teñen entre 15 e 18 anos conéctanse ás redes a diario, e cada vez máis fano dende os seus dispositivos móbiles de última xeración.

PUBLICIDADE