Máis da metade dos internautas accede a contidos de televisión por streaming

martes, 4 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) presentou os resultados do seu último estudo AIMC Q Panel, o seu propio panel de internautas, sobre Consumo de Televisión e a súa relación coa Internet. Este traballo de campo desenvolvido entre o 2 de decembro de 2019 e o 7 de xaneiro de 2020 a través de 1.919 entrevistas analiza o impacto da Internet no xeito no que os espectadores consumen televisión, así como o tipo de equipamentos (televisores conectados, móbiles e ordenadores) que hai nos fogares e cal é o comportamento dos espectadores ante este escenario.
O estudio reflicte que os internautas consumen de media 291 minutos de televisión ao día, e o 67% dos consultados afirma ter accedido a algún contido televisivo vía streaming a través da Internet nos últimos 30 días, dos que o 55% tería usado o ordenador, o 60% o smartphone e o 35% a tableta, constatando un incremento do visionado dos contidos televisivos mediante streaming.
O informe da AIMC destaca que a presenza dos televisores conectados dobrouse nos últimos 3 anos, de xeito que agora o 57% dos internautas con televisor no fogar ten, cando menos, un Smart TV, cando en 2016 esa proporción limitábase ao 27,2%.
Outro detalle significativo que salienta a AIMC é que o número de internautas que fai uso doutro dispositivo mentres ve a televisión pasou do 31,8% a un 42,8%, e o 36% dos consultados recoñecen ter realizado comentarios sobre os programas que estaban a ver na televisión, sendo o smartphone (69%) o dispositivo maioritario para tal fin. Estes comentarios realizaríanse un 63% por redes sociais e un 39% por mensaxería instantánea.

PUBLICIDADE