Máis da metade dos españois escollen os SMS para felicitar o Nadal

xoves, 18 de decembro do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo pola operadora de telefonía móbil Yoigo, os SMS van acaparar todo o principal papel á hora de felicitar as Festas de Nadal este ano pois é o medio que prefiren máis da metade dos españois (o 57 por cento) para facelo. As chamadas telefónicas son, por outra banda, o método que prefire a cuarta parte da poboación do estado para felicitar por esta época do ano aos seus seres queridos e só un 7 por cento dos homes e un 13 por cento das mulleres se decantan pola tradicional postal de Nadal.
É máis que probable que este último método (tan bonito e persoal como é por outra banda) se vexa totalmente desbancado este ano polas mensaxes curtas a móbiles que, dende a súa invención, non fan máis que incrementar as súas cotas de popularidade entre os usuarios de telefonía móbil. De feito, o 80 por cento dos españois envía máis de 5 felicitacións a través de SMS e o 50 por cento, máis de dez.
Un dos obxectivos do estudo levado a cabo por Yoigo era “coñecer as peculiaridades das distintas comunidades autónomas” e no caso de Galicia non se deberon ver defraudados cos resultados obtidos posto que somos os que máis SMS enviamos para felicitar o Nadal. Iso si, tamén somos os que menos chamamos pero é que non se pode ter todo e a retranca sae mellor cando se pensa ben e se redacta con coidado (aínda que só poidamos empregar un reducido número de caracteres).
Os “menos faladores” son, de feito, os homes galegos e as mulleres andaluzas (quen o diría) e os que máis felicitacións de Nadal reciben son as catalás e os galegos.
O estudo tamén revela que o 44 por cento das mulleres galegas enviamos (inclúome na grella) máis de 15 SMS de felicitación por estas datas e que somos as que menos nos acordamos dos compañeiros de traballo á hora de facelo (na miña defensa direi que iso débese a que podemos facelo persoalmente que é moito mellor e máis económico).
Tendo en conta os datos do estudo e facendo un exame de conciencia, aproveito este artigo para felicitarlle o Nadal a tódolos nosos lectores, aos meus compañeiros de traballo e xefes (nunca está de máis facer un pouco a pelota) e á miña familia (que seguramente nunca lerán isto e terei que gastar os 15 céntimos de rigor para felicitalos de novo a todos). Felices Festas.

PUBLICIDADE