Máis da metade dos cidadáns queren empregar o móbil no comercio electrónico

luns, 16 de decembro do 2013 Redacción

O comercio electrónico, un dos sectores económicos que máis agoiros positivos amosa, está a evolucionar rapidamente, e vaino facendo diante dos nosos ollos, mentres o empregamos e nos imos afacendo a el. Xa non nos abonda pagar en Internet e co computador, agora o mercado e os compradores demanda facelo a través do móbil e coas meirandes garantías. Segundo unha enquisa realizada por Technoactivity, empresa desenvolvedora do servizo Mymoid, a máis da metade dos españois (o 60%) gustaríalles pagar co seu teléfono á hora de realizar unha compra, tanto se é física coma se é en liña.
A enquisa amosa tamén que 40% dos cidadáns aseguran que escollerían o seu dispositivo móbil antes que o cartón de crédito para realizar os seus pagos. Asemade, tamén se di que malia o pouco tempo que leva no mercado este servizo, os usuarios percíbeno como un método de pago seguro. Segundo esta enquisa o 44% da sociedade española opina que pagar polo móbil é igual de seguro cás tarxetas de crédito ou débito.
Porén, este estudo de Technoactivity sobre o comercio electrónico non é o único que chegou este ano que remata aos medios de comunicación valorando moi positivamente as vantaxes do ecommerce vía móbil, non só para os propios usuarios e consumidores senón tamén para a reactividade dunha economía, a do Estado español e doutros moitos países da contorna, que tampouco están como para botar foguetes. Así se certifica en investigacións recentes de Google sobre a intención de compra a nivel mundial, nas que se di que case tres cuartos dos usuarios planean usar os seus dispositivos móbiles para mercar os agasallos do Nadal e así se constata nun estudo de Omnico sobre o caso español, no que se conta que as novas tecnoloxías, e máis polo miúdo as que permiten pagos a través de smartphones ou tablets, propoñen novas e interesantes fórmulas alternativas ás colas nas tendas e aos abafos que xeralmente rematan en renuncia da compra. Asemade, Ebates.com asegura que o 84% dos clientes de Estados Unidos prefire xa mercar en liña antes que ir de tendas, principalmente pola comodidade de mercar dende o propio fogar. Por se isto fose pouco, dende a Comisión para o Mercado das Telecomunicacións achégase o seguinte dato a ter en conta sobre o caso estatal: no primeiro trimestre de 2013 o comercio electrónico acadou un volume de negocio de 2.822 millóns de euros, o que supón un 15% máis ca no mesmo trimestre do ano anterior, cun total de 43,5 millóns de operacións levadas a cabo.

PUBLICIDADE