Maica Larriba anuncia que máis de medio millar de vivendas de Vilagarcía terán este ano Internet ultrarrápida

xoves, 13 de xaneiro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, mantiveron este 13 de xaneiro unha xuntanza de traballo para estudar as necesidades do concello arousán en materia de telecomunicacións, afondando nas actuacións incluídas no Programa Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Maica Larriba anunciou ao rexedor que máis de medio milleiro de vivendas e empresas do concello contarán cunha conexión a Internet ultrarrápida (con velocidade de 100 Mbps ou superior) a partir deste ano en curso.
A actuación, que será implementada por Teléfonica (empresa adxudicataria), engloba a execución de 44 proxectos para levar a banda larga de última xeración ata 522 vivendas e empresas do municipio a través da fibra e enmárcase como dixemos no Programa Único, incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Larriba engadiu que en todos casos, as actuacións realizaranse en “zonas brancas de cobertura”, é dicir, “en áreas que non teñen cobertura de redes de banda larga nin tampouco previsión para recibila por parte dun operador nun prazo de tres anos con base a plans de investimento críbeis”.
Tal e como destacou a subdelegada, o 80% das intervencións aglutínanse na parroquia de Sobradelo, Carril e Cornazo e no barrio de Faxilde, “dando resposta así a unha demanda de moitos veciños e veciñas e contribuíndo a cumprir co compromiso deste Goberno de que o 100% da poboación española teña cobertura de banda larga antes de 2025”. Non obstante, Larriba explicou que esta convocatoria do programa recolle intervencións en todas as parroquias da localidade.
Vilagarcía é un dos 278 concellos beneficiarios desta convocatoria que, tal e como destacou a subdelegada, “reserva a Galicia máis 30 millóns de euros, unha dotación histórica, e que evidencia o compromiso deste Executivo coa dixitalización, a cohesión territorial e a loita contra o reto demográfico”.
En concreto, na provincia de Pontevedra investiranse 6,4 millóns de euros en proxectos que beneficiarán a 58 concellos e a 17.973 familias ou empresas.
A nivel da Comunidade Autónoma, o programa beneficiará 89.548 fogares e empresas en Galicia ata o de agora sen cobertura dunha velocidade de acceso superior a 100 Mbps.


PUBLICIDADE