Madrid estrea o servizo uberX

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O luns Uber anunciaba que ía volver en breve a operar en España, e curta foi a espera, xa que hoxe mesmo retomaron a súa actividade en Madrid, o que simbolizaron cunha viaxe da actriz Paula Echevarría, que fixo a súa primeira viaxe con uberX na capital do Estado.
O novo servizo busca facilitar os desprazamentos, inicialmente por Madrid, supondo de media un aforro do 30% nos traxectos máis habituais con respecto aos servizos tradicionais de taxi. Para poder gozar de Uber hai que instalar a súa aplicación para iOS ou Android no noso smartphone, rexistrarse ou iniciar sesión na aplicación, confirmar a ubicación de recollida e destino, seguir en tempo real a chegada do condutor e subir ao vehículo para emprender a viaxe.
En vez de funcionar con taxis, uberX emprega a condutores con licenza VTC (a correspondente aos servizos de aluguer de vehículos con condutor) e as tarifas son de 0,10 euros/minuto ou 1,20 euros/quilómetro, cunha tarifa mínima de 5 euros, o que supón que unha viaxe do centro da cidade até o aeroporto custaría uns 20 euros, mentres que con alternativas como Cabify custaría 25 euros e cun taxi tradicional o desprazamento sairía nuns 30 euros.
Nos vindeiros meses é de agardar que o novo servizo de Uber pase a operar noutras cidades españolas.

PUBLICIDADE