Madrid acollerá en xuño unha xornada de empredemento tecnolóxico de base feminina

venres, 6 de maio do 2011 Raquel Noya

Practicamente tódolos estudos realizados en torno ás TIC demostran que, malia aos esforzos realizados polas administracións, segue a haber unha fenda dixital importante entre o coñecemento e emprego das TIC por parte das mulleres respecto dos homes, que se traduce nunha menor iniciativa empresarial nas mesmas.
Xa que logo, co obxectivo de impulsar o emprendemento femenino de base tecnolóxica e rachar co devandito chanzo universal, a organización sen ánimo de lucro, Ellas 2.0, está a organizar a segunda edición do Startup Weekend, un evento que se celebrará en Madrid durante a fin de semana do 3, 4 e 5 de xuño.
Trátase dun evento que se celebra en máis de 70 cidades do mundo e que reúne a emprendedores e emprendedoras de todo tipo de sectores para poñelos en contacto e promover xuntos a creación de empresas de base tecnolóxica.
Ata o Madrid on Rails, o centro de software libre para PYMES onde terá lugar a cita, achegaranse desenvolvedores, profesionais do marketing e artistas visuais de todo o mundo, para, durante 54 horas seguidas, expoñer e decidir ideas de negocio que poden ir adiante e converterse en casos de éxito.
Patricia Araque, presidenta de Ellas 2.0, define moi ben a esencia do Startup Weekend, afirmando que, “é unha gran oportunidade para traballar cóbado con cóbado con outros emprendedores, programadores e profesionais, para aterrar unha idea, buscar un equipo, aprender a emprender ou incluso para descubrir unha futura socia ou socio”.
Ellas 2.0, socio local da rede global Startup Weekend, con sede en Seattle, importou por primeira vez este evento a España en 2010, realizando edicións en Madrid e Barcelona, onde bateu un record mundial de participación feminina, cun 70 por cento de mulleres.
Asemade, conseguiu que máis da metade dos proxectos financiados foran fundados por emprendedoras, e que máis do 80 por cento dos mesmos sigan a funcionar na actualidade.

PUBLICIDADE