Madrid acolle o día 28 de maio a primeira conferencia europea contra o ciberacoso

luns, 22 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación Xeral de Consumidores de España está a preparar os detalles dunha xuntanza a celebrar en Madrid sobre unha cuestión que preocupa a unha boa parte das nais e pais que teñen aos seus fillos introducíndose no miolo das novas tecnoloxías da información. Falamos do ciberacoso e as súas moitas feituras ou manifestacións. A cita, como dixemos, será en Madrid, o vindeiro 28 de maio, e vén da man de ASGECO e máis de COFACE, a Confederación de Organizacións Familiares da Unión Europea. Segundo informan os organizadores, trátase da primeira conferencia do ámbito da Unión sobre o devandito tema tecnolóxico-social.
Unha cuestión que, non nos cansaremos de repetilo, non ten a súa orixe nin o seu principal causante nas TIC, senón que é unha aplicación a este eido tecnolóxico e viral dos males que o ser humano xa acubillaba previamente. A solución? Pois amais de debater e establecer medidas conxuntas de colaboración (a finalidade deste evento), pasa por axudas aos nosos fillos, no ámbito tecnolóxico, da mesma maneira que os axudamos no resto das actividades para as que se están a preparar. Ou sexa, axudalos a identificar situacións de risco e a saber até onde poden chegar, en uso e en tempo de uso, con respecto ás redes. Volvendo ao encontro en si mesmo, dicir que vai reunir “aos actores e partes interesadas que participan arestora na prevención do acoso cibernético, na detección e intervención temperá, incluíndo organizacións non gobernamentais, as liñas de axuda e liñas directas, os organismos públicos e a policía”, informa ASGECO. E engade: “O resultado da conferencia alimentará a reflexión e as achegas á elaboración de material destinado a nenas e nenos, nais e pais, profesores tamén, e todo co obxectivo de capacitalos en relación ao acoso en liña”. A conferencia organízase dentro do marco do proxecto europeo DELETECYBERBULLYING, financiado polo programa Daphne III da UE (protección dos nenos, a mocidade e as mulleres contra tódalas formas de violencia). Os socios do proxecto proveñen de España, Gran Bretaña, Bulgaria, Bélxica, Grecia, Finlandia e Hungría.

PUBLICIDADE