Macrocopia impulsará a transformación tecnolóxica da Confederación de Empresarios de Lugo

mércores, 19 de agosto do 2020 S. P.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vai seguir dando pasos relevantes no seu proceso de transformación dixital co apoio da empresa TIC Macrocopia. Así o fixeron saber nunha xuntanza recente o director executivo da dita firma, Jorge Rois, e máis o secretario da CEL, Jaime López, que se reuniron recentemente na sede da entidade empresarial para estudar os principais desafíos tecnolóxicos aos que se enfronta a confederación nun marco histórico, o que estamos a vivir, no que se fan especialmente urxentes as medidas que garantan a máxima operatividade online.
Na reunión avaliaron os resultados dunha auditoría feita por Macrocopia, socia da patronal lucense, para estudar polo miúdo as necesidades dixitais da CEL e os alicerces dos que parte. A constultora achegará á organización unha solución integral #360it, mediante a cal quérense afrontar os grandes desafíos tecnolóxicos da entidade en temas como a protección dixital, a comunicación ou o traballo telemático. Segundo fan saber dende Macrocopia, unha das 34 firmas que constitúe o consello asesor da CEL, a solución informática que se porá en xogo é unha ferramenta “á medida dos requirimentos das empresas, con equipamento, ferramentas, servizos e profesionais especializados para ofrecer soporte rápido e personalizado”.

PUBLICIDADE