MTV estrea web 2.0 en España antes ca no resto de Europa

mércores, 15 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede, dependendo de quen fale dela, é musicalmente unha condena ou ben unha extensa leira apenas traballada. Para MTV, a tenor dos movementos cara ao universo en liña que está a perpetrar nos últimos tempos, a segunda opción semella a máis axeitada. Nesta liña tamén se sitúa MTV Networks España, que vén de anunciar o lanzamento da versión en fase de probas e desenvolvemento (beta) dunha nova web, “máis completa e manexable” e máis en sintonía cos seareiros de hoxe, que case é o mesmo que dicir internautas 2.0. Falamos de mtvmusica.es, un espazo en liña habilitado en colaboración con Nissan e que se lanza primeiro en España que en calquera outro país europeo.
O obxectivo do que xorde non é outro que permitirlles aos usuarios un acceso total ao arquivo de MTV, integrado por artistas nacionais e internacionais de forte pegada no mercado discográfico de hoxe: dende Fangoria a Placebo, pasando por The Killers ou Franz Ferdinand.
Segundo apuntan os seus responsables, a nova canle na Rede achega unha navegación moito máis sinxela, amais de “poderosas ferramentas” para que os internautas poidan compartir os seus vídeos favoritos. A idea é adaptar este formato en breve a outros países da contorna. Por certo que MTV Música tamén permitirá acceder aos contidos de MTV Europe Music Awards e máis aos de MTV Video Music Awards, entre outros.

PUBLICIDADE