Luz verde do Concello da Coruña ao estudio virtual da Cidade das TIC

venres, 1 de setembro do 2023 S. P.

A construción do edificio que acollerá o estudio virtual da Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) recibiu luz verde definitiva. Veu da man da xunta de Goberno local do Concello da Coruña, que aprobou a concesión de licenza para a construción dun edificio en dous bloques que acollerá o novo estudio virtual.
O proxecto para crear este espazo audiovisual presentouse en decembro do ano pasado, co obxectivo de facilitar ás pequenas e medianas empresas do sector, así como ás e aos alumnos da Universidade da Coruña (UDC), un lugar onde desenvolver as súas ideas, "dotándoos da posibilidade de ter unha localización común e de calidade na que levar a cabo a súa actividade profesional", explicou a alcaldesa, Inés Rey.
A Deputación da Coruña, impulsora desta iniciativa co apoio do Concello, solicitou a mediados de xuño a licenza necesaria para construír a edificación que, ademais de acoller o estudio virtual, disporá de estancias específicas para servizos xerais e oficinas. Executarase tamén a urbanización da parcela onde se erixirá o edificio, con áreas verdes e zonas de lecer, aproveitando as zonas de acceso público.
O orzamento de execución material para construír as obras é de 1,7 millóns de euros, cun prazo de seis meses para iniciar os traballos e de 24 para completalos, unha vez que se inicien.

PUBLICIDADE