Lugo reivindícase no foro sobre solucións intelixentes para o rural organizado por El Progreso

mércores, 27 de novembro do 2019 Redacción

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a alcaldesa Lara Méndez e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaron este mércores na clausura da xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento, un foro moderado polo xornalista Manuel Campo Vidal que impulsou El Progreso coa empresa Next Educación no Círculo das Artes de Lugo.
Ao longo do encontro expuxéronse diversos casos de éxito e diferentes proxectos: por exemplo os da compañía de telecomunicacións Eurona Telecom, que aposta de cheo por dixitalizar o rural para impulsalo e devolverlle a vida; ou o do Concello de Marina de Cudeyo, en Cantabria, onde se afianza (en colaboración coa firma Zwit Project) a tele-xestión de servizos municipais a través de Wi-Fi, un proceso que comezou co alumeado público e estenderase aos contadores de auga e aos servizos de atención aos maiores (videoasistencia).
Na cita, como dixemos, participou José Tomé, quen reivindicou o papel das Deputacións “como ferramentas útiles para axudar a frear a perda de poboación, facendo un esforzo a prol do desenvolvemento e modernización dos concellos, especialmente dos máis peq”.
Durante o acto, o titular do goberno provincial enxalzou instrumentos de cooperación cos concellos como o Plan Único da Deputación de Lugo, que, segundo lembrou, “distribúe máis de 20 millóns de euros entre os 67 municipios lucenses con criterios públicos e obxectivos para implantar e mellorar servizos e infraestruturas municipais”.
Ademais, instou a outras administracións a ter “un maior grao de colaboración cos municipios” á hora de acometer “obras e infraestruturas que deberían ter sido feitas hai anos, como saneamento, accesos e transporte público, sanidade, atención a domicilio ou residencias da terceira idade”. Tamén asegurou que “a mellor política demográfica consiste na creación e mantemento dun emprego de calidade, sustentado nun sistema educativo que combine a formación profesional e universitaria, e na prestación de servizos á cidadanía”.
A xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento reuniu a expertos, profesionais e emprendedores, que abordaron a problemática da sangría demográfica a través de diferentes casos concretos e avanzaron algunhas propostas de posíbeis solucións, boa parte delas pola vía TIC.

PUBLICIDADE