Lugo reivindica ante a mocidade o imprescindíbel labor das investigadoras

luns, 11 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Escola Politécnica de Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (USC) vén de activar unha iniciativa para incrementar a presenza da muller nas carreiras científicas e tecnolóxicas ao tempo que se visualizan as máis que relevantes contribucións femininas a estes ámbitos. Estamos a falar do programa Protagonistas, as enxeñeiras, que se dirixe principalmente a mobilizar e concienciar ás rapazas que están a cursar estudos de ensino medio e Bacharelato nos distintos centros educativos de Lugo. As actividades previstas foron dadas a coñecer hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, pola vicerreitora Montserrat Valcárcel. A campaña vén da man da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, en colaboración co Concello.
No acto de presentación, Montserrat Valcárcel chamou á necesidade de “rachar cos tópicos” que sinalan falsamente que a formación práctica e tecnolóxica non é acaída para as mozas, unha mensaxe coa que coincidiu a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, a enxeñeira e profesora Dolores Fernández, quen tamén participou na sesión de hoxe.
Segundo sinalaron, as temáticas das accións previstas para os centros de ensino lucenses son “diversas e abranguen cuestións ligadas ás titulacións actualmente ofertadas pola USC na EPS de Enxeñaría de Lugo”. Así, os obradoiros programados levan por título Enxeñarías contra as pragas agrícolas, que será impartido por Cristina Cabaleiro; Os enxeñeiros e as enxeñeiras de montes defendemos o bosque fronte ao lume, guiado por Ana Daría Ruiz; Drons e láser en enxeñaría 3D, impartido por María Teresa Martín Sánchez e Patricia Tato Sánchez del Valle; Por que caen os edificios?, guiado por María José López Villar e María Teresa Teijeiro Rodríguez, e Pioneiras na ciencia, a cargo de Isabel Fernández García.
A presentación desta nova iniciativa a prol da incorporación das mulleres aos estudos universitarios de enxeñaría coincidiu coa apertura das xornadas Mulleres, ciencia e tecnoloxía, un foro organizado polo centro lugués en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo de celebrar (hoxe) o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e a través do que se busca facer visíbel o cometido desenvolvido por mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxico.
A xornada, estruturada nunha mesa de debate baixo o lema Visualizando referentes, promovendo vocacións femininas e moderada pola profesora na EPSE, Ana Isabel García Arias, contou como relatoras con catro mulleres investigadoras referenciais da nosa terra: a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT GAL), Ana Jesús López Díaz.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a deputada provincial delegada da área de Benestar Social e Promoción Económica da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, tamén participaron na presentación destas xornadas sobre muller, ciencia e tecnoloxía, un foro no que formalizaron a súa inscrición máis de 60 persoas, entre as que tamén cómpre citar á coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

PUBLICIDADE