Lugo quere levar a mellor cobertura móbil a 11 parroquias do Val do Mera

luns, 24 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo deu a coñecer a semana pasada os seus vindeiros plans para facer posíbel o uso do móbil no rural do municipio e nas mellores condicións posíbeis. Ao abeiro deste compromiso coas telecomunicacións impulsarase a sinatura dun convenio marco coa axencia autonómica AMTEGA e a federación galega FEGAMP para mellorar as liñas de telefonía en contornas afastadas do casco urbano, en concreto nas once parroquias do Val do Mera, en palabras do Concello “moi deficitarias” en materia de comunicacións.
Son, concretamente, os seguintes núcleos de poboación: Santa Maria Alta, Santa Marina de Torible, San Pedro de Mera, San Miguel de Bacurín, San Martiño de Poutomillos, Santiago de Prógalo, Vilachá de Mera, Santalla de Bóveda de Mera, San Vicente de O Burgo San Vicente de O Veral e San Xoán do Alto.
Segundo fixo saber o Concello, “tentamos dar resposta ás demandas da veciñanza desta área, xa que a falta de comunicacións e dos servizos de voz e datos nas redes móbiles está a causarlles bastantes problemas”, informou o pasado venres o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, que presentou xunto cun técnico o estudo de cobertura móbil que o Concello desenvolveu nestas parroquias, “e que avalan a necesidade de adherinos a este convenio marco”.
O concelleiro engadiu que a inclusión desta área (que abrangue o 20% da superficie do concello) na vangarda das telecomunicacións contribuiría a “mellorar a calidade de vida dos habitantes desta contorna, a evitar o abandono das explotacións agropecuarias e a aumentar a probabilidade de implantación de novas actividades que necesitan dispor de comunicación móbil, o que permitiría fixar poboación”.
Nestas parroquias contabilízanse 3.713 vivendas rústicas e 106 explotacións gandeiras. Ademais, por esta zona pasa un treito do Camiño Primitivo de Santiago.
O estudo técnico desenvolvido polo Concello de Lugo seguiu as pautas fixadas polo convenio para identificar os territorios con eivas de acceso ás telecomunicacións, que se establecen segundo a cobertura que ofrecen os operadores de Vodafone, Orange e Movistar e que deben contar con vivendas.
A través deste convenio, o Concello de Lugo comprométese a ceder o terreo para executar as infraestruturas de soporte ás redes de comunicación móbil no Val do Mera, e neste caso entregará unha parcela na parroquia de Poutomillos, agora en mans da Axencia Galega De Desenvolvemento Rural (AGADER), á que se lle solicitou xa a cesión.
O Concello de Lugo xa presentou a solicitude para a adhesión ao convenio.

PUBLICIDADE