Lugo mostrou a súa arela de modernidade no Foro das Cidades
luns, 18 de xuño do 2018
Os
pasados días celebrouse
en Madrid a terceira edición do Foro das Cidades, un encontro
internacional para partillar proxectos e iniciativas en materia de
sustentabilidade urbana e Cidades Intelixentes. Na cita houbo
presenza galega. Por
exemplo a da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que mostrou o modelo
de cidade smart da cidade da Muralla, poñendo o foco no
programa Lugo+Biodinámico (dirixido a impulsar o urbanismo innovador
e un mellor aproveitamento da riqueza forestal) ou no programa Lugo
Smart City, a vertente máis decididamente TIC das estratexias de
innovación urbana da cidade. No foro participaron 75 urbes e máis
de 200 relatoras/es.
A
alcaldesa lucense participou sesión sobre Renaturalización
Urbana e Infraestruturas Verdes, na que tomaron parte tamén
Valladolid, Vitoria e Barcelona. Moderou Iñaki Viñuela, paisaxista
e membro da Asociación Española de Paisaxistas.
Lara
Méndez subliñou que “a capacidade transformadora do global que
temos desde o local” materialízase a través dos modelos de
cidade, que no caso de Lugo, apuntou, ten “moito que ver” co
propio lema do Foro das Cidades: “Espazos urbanos para a
sustentabilidade e o benestar”. Segundo fixo saber, a intención
firme do Goberno que preside é deseñar políticas públicas para
facer de Lugo unha cidade máis accesíbel, cómoda, humana, máis
verde, sustentábel, máis social e con máis espazos públicos para
uso público.
Cómpre
lembrar que entre as iniciativas smart do Goberno local de
Lara Méndez atópase como dixemos o programa Lugo Smart City, que
ten un orzamento de 4,1 millóns de euros, o 60% do cal vén da man
dos fondos europeos FEDER, e cuxo obxectivo é implantar a
Administración Electrónica e avanzar cara a xestión sustentábel e
eficiente dos servizos públicos aproveitando as oportunidades que
ofrecen as novas tecnoloxías, o que redundaría “nun aforro
económico e enerxético”. Entre outras medidas, desenvolverase a
xestión intelixente dos aparcamentos (con sensores sen fíos que
detectarán prazas ceibas); do servizo de recollida de lixo (con
sensores de almacenamento nos contedores para detectar se están
cheos); do alumeado público (co regulamento do fluxo de luz a través
de dispositivos de control) o dos contadores de auga (coa lectura e
supervisión a través de GPRS ou 3G).