Lugo incorpórase á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

venres, 15 de marzo do 2024 S. P.

O Concello de Lugo vén de adherirse á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), promovida pola Secretaría de Estado de Turismo, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de España. Así o avanzou este venres 15 de marzo a alcaldesa, Paula Alvarellos, quen subliñou que “coa incorporación a esta rede nacional buscamos seguir avanzando cara un sector turístico máis sostíbel, innovador e competitivo”.
A rexedora explicou que “esta iniciativa supón unha importante oportunidade para fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento entre os máis de 300 membros que xa formamos parte da rede, contribuíndo ao desenvolvemento intelixente dos destinos turísticos”. Alvarellos apuntou que a adhesión a esta rede constitúe “un paso máis na ruta marcada polo Executivo” e lembrou que “recentemente vimos de acadar 2 millóns de euros de fondos europeos para a posta en marcha dun Plan de Turismo Sostible que reforzará a nosa aposta”.
Rede DTI
A Rede DTI é un proxecto que pretende promover un novo marco de referencia para consolidar os niveis de desenvolvemento e competitividade do modelo turístico español actual, á vez que se poñen as bases para o que será un novo modelo baseado en innovación, coñecemento, tecnoloxía, accesibilidade e gobernanza compartida entre as administracións central, a autonómica e a local.
Esta experiencia foi unha das grandes apostas da Secretaría de Estado de Turismo nos últimos anos, dirixida a situar España como “líder na implantación dunha metodoloxía para a transformación dos destinos cara a este novo modelo de xestión turística”.
O Concello de Lugo como membro da Rede DTI terá acceso a diversos servizos como bases de datos de axudas, subvencións e financiamento, nacional e internacional; asesoramento en convocatorias da UE ou a asistencia na implantación do modelo DTI.

PUBLICIDADE