Lugo debateu no Vello Cárcere sobre as adiccións derivadas dun mal uso das TIC

luns, 25 de febreiro do 2019 Redacción

O Concello de Lugo organizou o pasado 21 de febreiro unha xornada de participación cidadá para informar da problemática dos novos trastornos aditivos e dos malos hábitos relacionados coas tecnoloxías e os seus servizos, de especial incidencia nas novas xeracións e decote derivados dun emprego excesivo e sen control. A cita, que se desenvolveu nas instalacións do Vello Cárcere, contou coa presenza da concelleira de cultura e xuventude, Carmen Basadre, que inaugurou a mesa redonda Xuventude e adiccións sen sustancia: as neoadiccións e apostas online.
A sesión, moderada polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contou tamén coa participación de Manuel Isorna, doutor en Psicoloxía, Gerardo Rodríguez, da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, directora de ADAFAD. A cita emarcouse dentro das mesas redondas sobre mocidade que vén organizando nos últimos meses o Goberno de Lugo.
Na xornada, que contou con testemuños en primeira persoa, lembrouse que a problemática dun mal uso das TIC é unha cuestión en auxe cuxas consecuencias reflíctense en múltiples aspectos do noso día a día, nas familias e nos colexios. Amais, no debate analizáronse determinados comportamentos cada vez máis estendidos entre a mocidade e as orixes dos mesmos, e púxose o foco no perigo potencial de determinados servizos. A maiores, achegáronse unhas cantas recomendacións de valor evitar que medren entre a nosa xuventude os trastornos causados polas novas adiccións sen sustancia: recomendacións que teñen e común facer fincapé na formación, a divulgación, a concienciación e o asesoramento axeitado.
A seguinte mesa programada celebrarase o 27 de marzo e versará sobre Xuventude, amor e sexualidade: as nosas relacións. Tamén será no patio do Vello Cárcere, a partir das 19:00 horas.

PUBLICIDADE