Lugo contará con 25 pantallas dixitais para información municipal e cidadá

luns, 22 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Lugo vai contar no futuro con innovadoras pantallas dixitais que actúen, a pé de rúa, como soportes de información municipal e cidadá. A habilitación destes equipamentos recibiu a semana pasada un importante pulo, tras dar luz verde o Goberno municipal á contratación de 25 paneis con tecnolóxica electrónica para seren instaladas en diversos recantos da cidade. O orzamento total do proxecto é de 1.965.600 euros. Os dispositivos incluirán avisos sobre aparcadoiros públicos, información municipal e eventos, información horaria e data, temperatura, canal publicitario conectábel e outros avisos de interese cidadá.
Así mesmo, poderanse engadir outras prestacións tanto no apartado de información, como de sensórica, comunicacións ou outros sistemas de utilidade para a cidadanía.
O Concello tamén informou que durante a vixencia da concesión e co obxecto de “atender novas necesidades na cidade, dos barrios e do rural”, poderase ampliar o número de dispositivos instalados até un máximo de 5 unidades adicionais, nas mesmas condicións de xestión que o resto instaladas.
No que se refire ás características técnicas, os dispositivos contarán con conectividade que permita a súa xestión remota e máis un módulo informativo que inclúa unha pantalla dixital de dúas facianas e en cor, cunha tecnoloxía que faga posíbel e garanta “unha visualización de calidade”.
Tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, trátase dunha contratación que permitirá ofrecer máis e mellor información á veciñanza e a visitantes, pasando das 11 pantallas anteriores até as 25 que contempla este contrato. “É ademais un paso máis do Concello na modernización da imaxe de Lugo; pois os paneis anteriores, retirados en setembro, estaban obsoletos, limitándose a proporcionar só datos de hora e temperatura”, engadiu.

PUBLICIDADE