Lowi remata xaneiro con 10.000 clientes novos

xoves, 5 de febreiro do 2015 Redacción

Vodafone, amais das cifras relativas ao último trimestre de 2014, deu a coñecer estes días os números referentes á súa operadora móbil virtual, de nome Lowi e lanzada acabalo entre 2014 e 2015. Pois ben, os agoiros semellan positivos, xa que a nova división de baixo custe da compañía foi quen de pechar o mes de xaneiro con 10.000 clientes novos, unha cifra que contrasta cos 5.000 de Pepephone e cos 850 de Tuenti para o mesmo período. O seguinte paso de Lowi, agora que xa comeza a consolidar unha carteira de usuarios que poida xustificar a súa posta en marcha e o investimento que implicou, podería ser o de abrir man para permitir a entrada da tecnoloxía 4G nas súas tarifas e modalidades.
Como lembraremos, o operador virtual Lowi foi habilitado para non descoidar un ámbito de actividade (o chamado ámbito low cost da telefonía) no que xa concorrían algúns dos principais competidores de Vodafone, como por exemplo Telefónica. Vodafone, para facernos unha idea de cales foron as súas intencións, presentou a nova división como “a mellor alternativa para quen queira falar e navegar por pouco diñeiro”. Segundo informou con motivo do seu lanzamento, estamos ante “unha marca low cost de comunicacións que xorde co compromiso de ofrecer servizos dunha maneira sinxela, transparente e disruptiva”.
A liña de baixo custe de Vodafone opera sobre a súa rede 3G cunha oferta de partida de 1 Gbyte de datos e chamadas a todos os destinos nacionais a cero céntimos o minuto por seis euros ao mes.

PUBLICIDADE