Lowi estrea unha tarifa combinada con 600 Mbps de fibra e 100 GB no móbil

martes, 25 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Os operadores de telecomunicacións non cesan de ampliar as súas ofertas para adaptarse ás numerosas necesidades do público e conseguir así captar clientes dos seus competidores con prezos axustados a un tipo de uso moi concreto. Deste xeito, Lowi, que nos últimos meses lanzara ofertas para conseguir reducir ao máximo os prezos dos seus combinados de fibra e móbil, apunta agora a usuarios que demandan máis velocidade no fogar e maior capacidade de datos no móbil permitindo contratar fibra de 600 Mbps e unha liña móbil con chamadas ilimitadas e 100 GB de datos acumulables por 42,95 euros/mes.
A esta tarifa é posible engadir liñas adicionais con chamadas ilimitadas por dende 2,95 euros/mes (con 5 GB de datos) até 14,95 euros/mes (con 100 GB de datos). Cómpre salientar que é posible compartir datos entre as distintas liñas (Lowi conta cun sistema para enviar xigas entre liñas).
Esta nova tarifa de Lowi pretendería contrarrestar as subas do volume de datos móbiles até 100 GB que fixeron operadores como O2, que por 50 euros/mes achega fibra de 1 Gbps e 100 GB no móbil, polo que a opción da operadora de baixo custo de Vodafone resultaría máis atractiva para quen non precise máis de 600 Mbps e tampouco precise liña de teléfono fixo.

PUBLICIDADE