Lowi anuncia a súa oferta de fibra óptica + móbil

venres, 12 de maio do 2017 Marcus Fernández

Para os usuarios que queren gozar dunha conexións de banda larga doméstica de calidade a fibra óptica está a abrir novas posibilidades, con compañías que foxen de grandes ofertas combinadas para apostar polos prezos axustados, como comeza a facer Lowi, o operador de baixo custo de Vodafone, que anuncia hoxe a súa oferta de fibra óptica doméstica. Deste xeito temos agora unha nova oferta que carece de televisión de pagamento e liña de telefonía fixa, atendendo a grande demanda do mercado, no que boa parte dos consumidores só precisa fibra óptica no fogar e unha liña de telefonía móbil.
Lowi ofrece así fibra óptica e 4G a través das infraestruturas de Vodafone, cunha estrutura de prezos que depende do volume de datos incluídos na liña móbil. A partires de 37 euros podemos ter unha liña de fibra óptica de 50 Mbps cunha liña móbil con chamadas ilimitadas e 1 GB de datos, incrementándose o prezo en chanzos de 2 euros por GB adicional até os 45 euros/mes, que veñen con 5 GB de datos, aos que seguiría un último chanzo que por 47 euros/mes daría 8 GB de datos no móbil.
Estas tarifas acumularán os datos non consumidos até o mes seguinte, permitirá compartir datos cos amigos de Lowi, permite engadir 200 MB ao límite de datos móbiles por 1 euro cando sexa preciso, carece de compromiso de permanencia e permite a xestión dos servizos contratados directamente dende a aplicación móbil oficial.
Este novo servizo comercializarase con normalidade dende a partires dun par de semanas e supón unha vantaxe con respecto a outras ofertas semellantes por carecer de custos de instalación nin de router (mantendo así un prezo moi axustado).

PUBLICIDADE