Lousame celebra o 25-N con obradoiros tecnolóxicos para mulleres e para escolares

luns, 14 de novembro do 2022 S. P.

O Concello de Lousame, a través da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, adiantou algunhas das actividades programadas dende o Consistorio para as vindeiras semanas co gallo da conmemoración do 25 de novembro. Amais, debullou algunhas das accións recentes de igualdade. Por exemplo os Obradoiros 20=22, desenvolvidos os meses de setembro e outubro para mellorar a empregabilidade das mulleres locais formándoas na busca de traballo, na capacitación informática, no comercio electrónico e na mercadotecnia dixital.
“Nestes tres obradoiros participaron 11 mulleres”, apuntou Silvia Agrafojo, engadindo que foi un programa levado a cabo coa colaboración da FEMP, que lle concedeu ao Concello de Lousame unha das 10 axudas que convoca a nivel nacional.
Así mesmo, o Concello adheriuse a campaña De Fronte, da Deputación da Coruña, participando nesta ocasión directamente tamén o CPI Cernadas de Castro en dúas actividades. A primeira chámase Ciberacción para público xuvenil: Afrontamento das violencias na Rede. Trátase dunha proposta para traballar sobre a violencia dixital a través dunha ciberquedada con centros de Secundaria dos concellos cuxa celebración está programada para o mércores 23 de novembro, explicou a concelleira. A segunda actividade, Ciberacción para público infantil: Canto sabes sobre as violencias dixitais? consiste nun xogo interactivo cunha guía didáctica para o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria, que quedará pendurado na Rede como recurso pedagóxico.

PUBLICIDADE