Lorenzana louva o papel referente de Albo en dixitalización da industria conserveira mundial

martes, 26 de setembro do 2023 S. P.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, recibiu este luns 25 de setembro a visita dunha delegación de Conservas Albo. Durante a xuntanza a conselleira saliento o labor que está realizando a empresa galega para “converterse nun referente mundial a través da aplicación da innovación e das novas tecnoloxías no sector conserveiro”.
Concretamente, Lorenzana mantivo unha reunión con varios dos membros do comité de dirección da conserveira para avaliar os proxectos que se están a desenvolver logo da inauguración, o pasado mes de abril, das novas instalacións da compañía na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra – As Neves (Plisan). Tal e como lembrou, o proxecto declarouse Iniciativa Empresarial Prioritaria pola Xunta, o que lle permitiu reducir os pazos de tramitación e que hoxe Galicia conte cunha das fábricas máis grandes e modernas do sector conserveiro.
Trátase dunha industria estratéxica da que a Comunidade é líder grazas a unhas exportacións que en 2022 ascenderon a 1.075 M€, un 6,4 % máis que no 2021, e que representan o 62 % das exportacións españolas neste eido.
Na reunión, a conselleira puido constatar os avances que desde Conservas Albo se están realizando tanto na mellora da competitividade internacional como no uso da tecnoloxía, grazas ao apoio da Axencia Galega de Innovación para impulsar a industria conserveira do futuro a través de novas solucións relacionadas coa Industria 4.0.
Albo 4.0
O proxecto Albo 4.0 ten como obxectivo principal “o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais para a industria conserveira do futuro”. En particular, ao abeiro desta iniciativa desenvolvéronse e aplicáronse diferentes solucións tecnolóxicas ao redor do concepto Industria 4.0 como analítica avanzada, aprendizaxe-máquina (Machine Learning), Intelixencia Artificial, analítica de datos masivos (Big Data), etc., que dan soporte ás principais fases de transformación do produto (cocción, limpeza, empacado e peche), buscando avanzar na súa eficiencia, flexibilidade e sustentabilidade.
O proxecto levouse a cabo xunto ás seguintes entidades subcontratadas: HERMASA, EMENASA, ASM e o Centro Tecnolóxico Gradiant.
Albo pretende a través deste proxecto converterse “nun referente mundial na utilización das máis modernas tecnoloxías dispoñíbeis para transformar de forma innovadora as súas operacións e alcanzar así cotas de produtividade e innovación que lle permitan mirar ao futuro con optimismo e desde unha posición de liderado tecnolóxico, cumpridos os 150 anos de historia”.
O proxecto contou cun orzamento de 2.472.007,34€ e cunha subvención da Axencia Galega de Innovación a través do Programa Industrias do Futuro 4.0 (convocatoria 2019 - 1.ª edición).

PUBLICIDADE