Lorenzana celebra os 30 anos da Tecnópole, que aglutina hoxe un centenar de empresas

luns, 31 de xullo do 2023 S. P.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou este luns 31 de xullo as instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), con motivo das actividades de celebración das tres décadas de actividade do dito complexo de San Cibrao das Viñas (Ourense). Lorenzana salientou que a Tecnópole ofrece un espazo de apoio tanto para emprendedores como para compañías con proxectos innovadores e tecnolóxicos, servizos especializados en continua evolución e infraestruturas científico-tecnolóxicas.
Grazas a este labor, dixo, “hoxe o Parque Tecnolóxico é un espazo consolidado que aglutina un centenar de empresas, cinco centros tecnóloxicos, e numerosos empregos asociados”.
Durante a visita, salientou que o plan estratéxico do parque recolle entre os seus obxectivos para os vindeiros anos importantes proxectos entre os que destacan a posta en marcha dun Centro de Excelencia en Ciberseguridade, que será unha realidade en 2025; e o impulso dunha comunidade enerxética empresarial.
Esta iniciativa pioneira enmarcada na Axenda Enerxética 2030, destacou, “permitirá reducir o consumo e dotar de maior competitividade ás empresas”. En termos concretos, prevese a instalación de 2MW de tecnoloxía solar fotovoltaica que posibilitará cubrir o 20% da enerxía das empresas participantes.
Impulso á produción sustentábel de taboleiros
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu tamén en Tecnópole á presentación de resultados do proxecto Enxeño+, liderado polo Grupo FINSA no marco do programa de Fábrica Intelixente e Sustentábel. A iniciativa, que contou cun apoio da Xunta de Galicia de 2,64 millóns de euros dentro dun orzamento total de 10,6 millóns de euros, contou coa colaboración de AIMEN, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), CiTIUS (USC) e EnergyLab, ademais de empresas como Imatia, Dalp e DXC.
O proxecto permitiu avanzar na produción sustentábel de taboleiros, incidindo en aspectos como a mellora dos procesos loxísticos, a redución dos custos operativos, a mellora nos procesos de transformación de madeira centrados en produtos finais de alta calidade e bo acabado, e a produción rápida e altamente precisa mediante o emprego de robots, aplicacións robóticas e outras ferramentas automáticas.
Lorenzada lembrou que até o 2 de outubro está aberta a convocatoria 2023 do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel dotada con 24 millóns de euros e que prevé mobilizar 70 millóns para apoiar o desenvolvemento de proxectos que permitan seguir avanzando nun cambio de modelo sustentado na competitividade e no coñecemento.

PUBLICIDADE