Llamazares estrea unha web con innovacións en comunicación política

martes, 29 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Llamazares presentando a súa nova webO candidato de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, presentou este luns a súa nova páxina web, gasparllamazares.es, que pretende achegar o político ós cidadáns a través do seu blog, dun sistema de comunicación coñecida coma El candidato responde e mesmo cunha serie de historias animadas titulada Las cosas que importan.
El candidato responde presenta a Llamazares con voz e imaxe, de xeito que responde mediante máis de 70 vídeos pregravados ás cuestións que lle fagan os visitantes á web, sistema inédito na comunicación política española, que lembra a outros sistemas automatizados coma o do buscador de Ms. Dewey.
Llamazares tamén estrea o seu novo lema de campaña, que será LlamazarES rojo y verde, co que pretenden recoller a ideoloxía de esquerda e a sensibilidade ecolóxica de IU, aínda que a novidade na web que está a resultar máis rechamante é o serial Las cosas que importan, no que se presenta a un familiar e próximo Gaspi ó rescate das políticas do Rajoy e Zapatero.

Gaspi loitando contra a burbulla inmobiliaria

A versión animada de Llamazares ten «más sentido del humor y más mala leche» segundo o candidato de IU, que pretende achegar así máis atención por parte dos internautas mentres trata temas como as hipotecas, a ecoloxía, a monarquía ou a memoria histórica, aínda que cunha animación bastante básica.

PUBLICIDADE