LiveJournal censura versións eróticas de Harry Potter ante a indignación dos seus usuarios

martes, 7 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Mentres en España unha escena sexual nunha portada dunha revista satírica dá moito que falar na Rede e no resto de medios de comunicación, en EE.UU. a censura trasladouse ó servidor de bitácoras LiveJournal que vetou as páxinas de varios usuarios que publicaban historias eróticas protagonizadas por personaxes da saga de Harry Potter.
As fanfiction, ou historias non oficiais de personaxes de películas e libros elaboradas polos seus seguidores, son todo un xénero que na Internet acada o seu apoxeo, e que sempre contou con versións picantes, polo que os seguidores e autores destas obras consideran que a súa eliminación de LiveJournal constitúe un atentado á súa liberdade de expresión.

A imaxe máis representativa do polémico borrado de web en LiveJournal

O máis polémico da eliminación dos espazos virtuais da discordia está no feito de que se eliminaron sen previo aviso argumentando que non cumprían coas normas do servizo, sen permitir ós seus autores emendar as posibles faltas, nunha operación de borrado que lembrou a algúns á que hai uns meses fixera SixApart (empresa matriz de LiveJournal) con preto de 500 diarios afectados.
Entre os casos que agora nos ocupan destaca o do usuario poderosa121, que incluía unha imaxe na que se podía ver ó profesor Severus Snape a piques de practicar sexo oral con Harry Potter, escena denunciada como pederasta (aínda que non se indica a idade de Potter, que ben podería ter 18 anos na ilustración). Unha moza alcumada elaboration tamén fixo algo semellante coa xemelgos irmáns de Ron Weasley (amigo de Potter), o que tamén lle valeu a cancelación da súa conta en LiveJournal.
Os responsables de LiveJournal parecen só ver actividade sexual en imaxes que outros consideran unha expresión artística, polo que os implicados e simpatizantes xa están a alertar de que o servizo non é axeitado para ninguén que teña ningún tipo de inquedanza sexual, pois podería ser marcada coma obscena e provocar a eliminación dos ficheiros do usuario que as manifeste (cos prexuízos que tal ocasiona). Así pois, se ben moitos usuarios entenden os termos do servizo de LiveJournal, os criterios e os sistemas de aplicación resultan moi opacos, o que debería preocupar a usuarios actuais e potenciais.

PUBLICIDADE